+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA SINALA QUE “CON ‘DEPOEMPRENDE NA ESCOLA’ ENSINÁMOSLLES ÁS RAPAZAS E AOS RAPACES QUE PODEN CONSEGUIR TODOS OS SEUS SOÑOS”


A Presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu no Salón de Plenos ao primeiro grupo do alumnado e profesorado que participan no programa “DepoEmprende na Escola”

Carmela Silva asegurou que “queremos seguir poñendo en marcha proxectos que permitan converter a nosa provincia nunha referencia en materia educativa”

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Emprego, Montse Magalllanes, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Pazo provincial ao primeiro grupo do profesorado e o alumnado que participan na nova quenda de “DepoEmprende na Escola” (a Presidenta Carmela Silva recibirá aos demais centros que participan no programa este xoves). Este ano, o proxecto chega a un total de 15 centros de educación primaria e especial e, por primeira vez, expándese tamén a outros 6 institutos de educación secundaria, isto é, chegando a un total de 21 centros educativos.

Carmela Silva recibiu ás rapazas e rapaces dos seguintes centros educativos: o Centro de Educación Especial Príncipe Felipe (que participa coa cooperativa “Tinta de mora”), o CEE Vilagarcía de Arousa (“Specialman”), o CEIP Santo André de Xeve en Pontevedra (“Xeveplan”), o CEIP Plurilingüe da Florida en Sanxenxo (“Floridarte”, “Bazarflorida” e “Imacref17”), o CPI de Cova Terreña en Baiona (“Artesans & Kids”), o CEIP García Barbón de Vigo (“Galibarbón” e “Garspain”) e o CEIP Alexandre Bóveda de Redondela (“Proab”). Cada unha destas cooperativas recibiu cadanseu CIF simbólico para poder comezar a operar.

Carmela Silva agradeceu “o traballo a maiores que están a desenvolver os profesores e profesoras, engadido a todo o que xa teñen que desenvolver”, e sinalou a profesión como “o mellor da nosa sociedade porque son as persoas que fan posible que o mundo sexa un lugar mellor”. De feito, afirmou a Presidenta provincial, “todo o que conseguín na miña vida foi grazas a que tiven grandes mestras e mestres que me fixeron entender o importante que son o coñecemento, os valores, os principios e que as nenas teñan os mesmos dereitos que os nenos e teñen que ocupar os mesmos espazos”.

Carmela Silva resaltou que “este proxecto pretende que as rapazas e rapaces desenvolvan unha cultura emprendedora que non é soamente crear unha empresa, senón crear nas nenas e nenos a idea de que temos que ser persoas emprendedoras, dar pasos cara a adiante para desenvolver as nosas ideas e os nosos soños”. “Que ninguén vos diga que non se poden cumprir porque si, todo depende de que teñamos o impulsar para facer o que sexa necesario”, afirmou.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “o noso futuro depende de todas e todos vós, cando nos deamos conta o futuro estará nas vosas mans: as institucións públicas, o sector empresarial, a cultura…” e asegurou que, precisamente por iso, “é moi importante pór todos os instrumentos ao voso alcance para que teñades a mellor educación. Queremos seguir poñendo en marcha proxectos que permitan converter a nosa provincia nunha referencia en materia educativa”.

O obxectivo de “DepoEmprende na Escola” é o desenvolvemento de competencias asociadas ao emprendemento, á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, á cidadanía e á alfabetización dixital. A través deste programa, un total de máis de 500 alumnas e alumnos dos cursos quinto e sexto de primaria están a crear e a xestionar ao longo de todo o curso unha cooperativa na que fabricarán produtos que venderán nun mercado ou feira da súa localidade. No caso do alumnado da ESO, a cooperativa será de comercio exterior e nela intercambiarán produtos con cooperativas de alumnado doutras rexións ou mesmo países. Para iso comunicaranse a través do correo electrónico e manterán videoconferencias e, unha vez obtidos os produtos, tamén venderán eses produtos importados nun mercado local. O alumnado da ESO tamén terá unha serie de obradoiros complementarios nos que recibirán formación sobre imaxe corporativa, catálogos de produtos e deseño dos puntos de venda.

O programa “DepoEmprende na Escola” ten como finalidades, ademais do seu obxectivo xeral de adquisición de competencias emprendedoras, o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise da contorna física, a creación, a convivencia e a cidadanía ou a alfabetización dixital, entre outras. A comunidade escolar da provincia disporá de, entre outros recursos, un portal educativo en Internet onde se lles ofrecerá información útil e documentos de apoio cos que reforzar os contidos dos materiais didácticos empregados nas aulas, así como poderán facer as súas propias achegas para facilitar a coordinación do proxecto.

A súa metodoloxía encadra ao alumnado no papel de protagonista da súa propia aprendizaxe, xa que se basea nun traballo dende a práctica onde esa aprendizaxe é activa, cooperativa e significativa, onde a relación entre o centro educativo e os feitos acontecidos na súa contorna máis próxima estarán presentes a diario.  A materia incluída neste programa se desenvolverá dun xeito transversal, de modo que o alumnado adquirirá coñecementos nas distintas áreas de coñecemento como matemáticas, ciencias, linguaxe, cultura e tamén competencia dixital, social e cívica ou “aprender a aprender”.

Como principal novidade, dado que todos os proxectos empresariais levan incorporadas actuacións de responsabilidade social corporativa, este ano, tendo en conta a vaga de lumes que vivimos en outubro, queremos que estas actuacións vaian encamiñadas ao respecto ao medio ambiente, ao impulso da sustentabilidade, a mellorar os nosos montes e novas políticas forestais.

Así, a institución provincial está xa a dar formación sobre a economía dos montes ao ter claro que é necesario cambiar o modelo debido a que a política forestal está obsoleta, non resposta ao cambio climático nin ao abandono do rural nin á situación dos montes galegos.  A Deputación de Pontevedra considera que un xeito de previr os incendios é impulsar actuacións para que o monte sexa rendible, para que teña capacidade de xerar actividade económica e que se converta tamén nun valor de atracción turística. Coa campaña “#apostaóverde”, estas charlas serven como unha acción de difusión e divulgación do sector agroforestal como motor económico para o desenvolvemento dun medio rural sustentable na provincia, xa que a Deputación considera que desde as administracións públicas cabe adoptar un papel de verdadeiros promotores para favorecer que o noso rural recupere poboación e emprego.

Deja un comentario