+034 986 09 02 04 Sábado 20 de Xaneiro de 2018

O CONCELLO ACOMETE NOVOS ACCESOS VIARIOS CON MEDIDAS DE SEGURIDADE EN ZONAS RESIDENCIAIS DE TENORIO


Fíxose un recheo con formigonado do firme para garantir a entrada en tres vivendas e instalouse unha barandilla para evitar accidentes

O Concello xa solicitou á empresa eléctrica a retirada dun poste de subministro e agarda que se aborde unha alternativa a esta liña

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acometer obras de construción de novos accesos viarios, coas correspondentes medidas de seguridade para vehículos e peóns, en zonas residenciais da parroquia de Tenorio co obxectivo de seguir facilitando a todos os veciños que as súas parcelas con vivendas dispoñan de conexión con algunha vía de comunicación.

O presidente municipal, Jorge Cubela, desprazouse ata o lugar de Lérez, na citada parroquia, para comprobar o resultado dos traballos no marco da xeira que está a realizar por todo o municipio para supervisar todas as obras que se están a realizar antes da chegada do inverno.

Nesta zona, hai un total de tres vivendas que se atopan nun desmonte e que non contaban cun acceso en condicións nin transitable cara a rede viaria. Así, fíxose un recheo para acabar de salvar o desnivel existente e procedeuse ao formigonado do firme para poder garantir unha axeitada entrada nesas tres casas. Asimesmo, instalouse unha barandilla de seguridade para evitar accidentes.

Por último, o Concello xa comezou a tramitar coa empresa eléctrica a posible retirada dun poste de subministro que se atopa no medio deste novo acceso, xa que, aínda que non impide a circulación, pode chegar a incomodar as distintas manobras dos usuarios. Polo momento, estase agardando a súa reposta sobre a eliminación desta infraestrutura e a alternativa para esta liña de subministro enerxético.

Deja un comentario