+034 986 09 02 04 Martes 16 de Outubro de 2018

PONTE CALDELAS LANZA UNHA CAMPAÑA PARA INCENTIVAR O AFORRO DE AUGA NO MUNICIPIO


O Concello recalca que a traída municipal depende cada vez máis do río Verdugo e que moitos pobos do rural levan meses con restricións

O Concello  de Ponte Caldelas puxo en marcha unha campaña informativa para concienciar á veciñanza sobre a importancia do aforro no consumo de auga. A iniciativa do Goberno local (formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG) consiste nun cartaz que vai ser colocado por todo o municipio e que tamén vai ser difundido a través das novas tecnoloxías, tanto a través de Facebook como nos grupos de WhatsApp, como na aplicación municipal de Tokapp.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que cómpre facer un esforzo divulgativo, aínda que cada vez máis xente estea xa concienciada. A campaña leva por título “Nin unha gota de máis” e consiste en consellos útiles para aproveitar ao máximo a auga dispoñible. Entre outras cousas recoméndase limitar a auga ao uso doméstico, descartar a rega de fincas, pechar as billas durante a hixiene cotián, reparar as billas que pinguen, utilizar un caldeiro para lavar o coche ou empregar a lavadora ou o lavavaixelas a plena carga.

O documento remata cunha descrición da situación de Ponte Caldelas e a advertencia de que o cambio climático chegou para quedarse. Unha imaxe recente do encoro de Eiras, reserva hídirica que aínda que situada parcialmente en Ponte Caldelas non abastece a este municipio, ilustra o documento.

Ponte Caldelas logrou este  ano manter o subministro municipal sen restricións gracias ao traballo preventivo, emprendido ao comezo do mandato para a revisión, limpeza e mantemento dunha trintena de captacións municipais situadas na zona de Caldelas, incluída a do río Calvelle.  Mesmo unha das máis importantes foi recuperada ao descubrirse que  estaba a ser utilizada irregularmente.

Non obstante, o alcalde subliña que a dependencia do subministro urbano do bombeo situado no río Verdugo, á altura do paseo da Calzada, é cada vez maior. A solución é cara para o Concello, pois incrementa sustancialmente a factura por consumo eléctrico. Ademais, o Verdugo atópase nun nivel moi baixo, o que non invita ao optimismo.

Pero onde a situación é crítica dende hai meses é nalgunhas das parroquias do rural, pois moitos pozos particulares están secos e as traídas veciñais comunais non son suficientes para cubrir a demanda. Varios lugares veñen padecendo restricións con cortes durante a noite e tamén parciais durante o día. A recente vaga de lumes acentuou os problemas, pois gran parte das gomas de subministro tiveron que ser substituídas e, nalgúns casos, como aconteceu en Silvoso, foi preciso limpar o depósito, contaminado coas cinzas.

O Goberno local puxo en marcha este ano unha iniciativa de asesoramento ás comunidades de augas de todo o municipio para afrontar os retos do cambio climático. De feito convocou xa un par de xuntanzas coas súas directivas para abordar a modernización da xestión destas infraestruturas veciñais, moitas delas sen sequera regularización administrativa diante de Augas de Galicia, o que imposibilita a autorización de novas captacións e o acceso ás subvencións oficiais.

“Ao igual que en todo o rural de Galicia, en Ponte Caldelas arrastramos a idea preconcibida de que a auga do monte é infinita, un escenario que non se corresponde nin coas estritas esixencias da Administración actual, nin coa seca que chega por consecuencia do cambio climático”, afirma o alcalde. “Aos concellos tócanos ir cambiando esa mentalidade e, aínda que xa hai moita xente que o asume, queda camiño por andar”.

Deja un comentario