+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA SALIENTA NA RECEPCIÓN DO DEPOEMPRENDE NA ESCOLA QUE “TODO O QUE CONSEGUÍN NA MIÑA VIDA FOI GRAZAS AO MEU PROFESORADO”


A Presidenta da Deputación de Pontevedra recibiu no Salón de Plenos ao segundo grupo que participa nos programas de Educación Primaria e da ESO”

 Carmela Silva asegurou que a cultura emprendedora “forma parte do currículo educativo doutros países” e “permítenos adaptarnos aos cambios nunha sociedade global

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Emprego, Montse Magalllanes, recibiu esta mañá no Salón de Plenos do Pazo provincial ao segundo grupo do profesorado e o alumnado que participan nunha nova quenda de “DepoEmprende na Escola” e na primeira quenda de “DepoEmprende na ESO”. Este ano o proxecto chega a un total de 15 centros de educación primaria e especial e, por primeira vez, expándese tamén a outros 6 institutos de educación secundaria, isto é, chegando a un total de 21 centros educativos.

Carmela Silva recibiu ás rapazas e rapaces dos seguintes centros educativos: o CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), o CEP Plurilingüe Riomaior (Vilaboa), o CEIP Plurilingüe Nantes (Sanxenxo), o IES A Guía e o IES Ricardo Mella (Vigo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), o IES Luís Seoane (Pontevedra) e o IES Rodeira (Cangas). Cada unha destas cooperativas recibiu cadanseu CIF simbólico para poder comezar a operar.

Carmela Silva asegurou que “emprender non só significa comezar unha iniciativa empresarial, senón conseguir os soños, e queremos que todas as nenas e nenos e mozas e mozos constrúan todo o que desexen”. A Presidenta provincial afirmou que “todas e todos vós sodes extraordinarias e extraordinarios” e salientou “que haxa tantas rapazas liderando os proxectos, xa que temos que conseguir que, sobre todo nas xeracións futuras, haxa igualdade de oportunidades real e todas e todos poidamos ocupar todos os espazos”. “Eu son a primeira Presidenta dunha deputación en Galicia”, salientou con tristura, “a falta de representación das mulleres non se corresponde con criterios obxectivos nin xustos polo que o mundo será mellor cando todas e todos ocupemos os mesmos espazos”.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra volveu incidir na importancia do mestrado, “a miña profesión”, ao considerar que “xunto coas vosas familias serán as persoas máis importantes que pasarán polas vosas vidas”. “Se eu cheguei a onde estou e se fixen todo o que fixen na miña vida, foi grazas a que tiven profesoras e profesores que me axudaron”, explicou Carmela Silva.

Ademais, a Presidenta salientou que “hai países como en Suíza nos que a cultura emprendedora forma parte do currículo educativo, porque significa adquirir capacidades para adaptarnos aos cambios nunha sociedade global” onde, lembrou, “a innovación, a investigación e o desenvolvemento das novas tecnoloxías cámbiano todo dun día para o outro”. “A educación é tamén crear novos valores”, explicou, “como os de construír unha nova política forestal de respecto aos nosos recursos”.

O obxectivo de “DepoEmprende na Escola” e “DepoEmprende na ESO” é o desenvolvemento de competencias asociadas ao emprendemento, á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, á cidadanía e á alfabetización dixital. A través deste programa, un total de máis de 500 alumnas e alumnos dos cursos quinto e sexto de primaria están a crear e a xestionar ao longo de todo o curso unha cooperativa na que fabricarán produtos que venderán nun mercado ou feira da súa localidade. No caso do alumnado de “DepoEmprende na ESO”, a cooperativa será de comercio exterior e nela intercambiarán produtos con cooperativas de alumnado doutras rexións ou mesmo países. Para iso comunicaranse a través do correo electrónico e manterán videoconferencias e, unha vez obtidos os produtos, tamén venderán eses produtos importados nun mercado local. O alumnado da ESO tamén terá unha serie de obradoiros complementarios nos que recibirán formación sobre imaxe corporativa, catálogos de produtos e deseño dos puntos de venda.

Estes dous programas teñen como finalidades, ademais do seu obxectivo xeral de adquisición de competencias emprendedoras, o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise da contorna física, a creación, a convivencia e a cidadanía ou a alfabetización dixital, entre outras. A comunidade escolar da provincia disporá de, entre outros recursos, un portal educativo en Internet onde se lles ofrecerá información útil e documentos de apoio cos que reforzar os contidos dos materiais didácticos empregados nas aulas, así como poderán facer as súas propias achegas para facilitar a coordinación do proxecto.

A súa metodoloxía encadra ao alumnado no papel de protagonista da súa propia aprendizaxe, xa que se basea nun traballo dende a práctica onde esa aprendizaxe é activa, cooperativa e significativa, onde a relación entre o centro educativo e os feitos acontecidos na súa contorna máis próxima estarán presentes a diario.  A materia incluída neste programa se desenvolverá dun xeito transversal, de modo que o alumnado adquirirá coñecementos nas distintas áreas de coñecemento como matemáticas, ciencias, linguaxe, cultura e tamén competencia dixital, social e cívica ou “aprender a aprender”.

Como principal novidade, dado que todos os proxectos empresariais levan incorporadas actuacións de responsabilidade social corporativa, este ano, tendo en conta a vaga de lumes que vivimos en outubro, a Deputación de Pontevedra quere que estas actuacións vaian encamiñadas ao respecto ao medio ambiente, ao impulso da sustentabilidade, a mellorar os nosos montes e novas políticas forestais.

Así, a institución provincial está xa a dar formación sobre a economía dos montes ao ter claro que é necesario cambiar o modelo debido a que a política forestal está obsoleta, non resposta ao cambio climático nin ao abandono do rural nin á situación dos montes galegos.  A Deputación de Pontevedra considera que un xeito de previr os incendios é impulsar actuacións para que o monte sexa rendible, para que teña capacidade de xerar actividade económica e que se converta tamén nun valor de atracción turística. Coa campaña “#apostaóverde”, estas charlas serven como unha acción de difusión e divulgación do sector agroforestal como motor económico para o desenvolvemento dun medio rural sustentable na provincia, xa que a Deputación considera que desde as administracións públicas cabe adoptar un papel de verdadeiros promotores para favorecer que o noso rural recupere poboación e emprego.

Deja un comentario