+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

COMEZAN AS OBRAS DE REHABILITACIÓN E CONSOLIDACIÓN DA PONTE DE ALMOFREI PARA GARANTIR A SÚA ESTRUTURA


A actuación nesta infraestrutura, que rolda os 500 anos, correxirá os problemas causados polo paso do tempo e a forza das augas do río

As obras de rehabilitación, acondicionamento e consolidación da histórica Ponte de Almofrei veñen de comezar e desenvolveranse durante as vindeiras semanas co obxectivo de garantir a estrutura e a seguridade deste emblemático punto de paso do século XVI. O presidente municipal, Jorge Cubela, que levaba varios meses traballando na tramitación deste proxecto, desprazouse ata a zona para visitar o inicio das tarefas e estivo departindo co persoal encargado da obra.

Esta actuación era unha prioridade para o goberno local tras detectar que o paso do tempo e a forza das augas deterioraran esta ponte, un dos grandes símbolos do patrimonio do municipio. Porén, durante os últimos meses estívose a xestionar o correspondente permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, unha cuestión na que tamén houbo colaboración dos veciños, e a consecución do orzamento necesario, fixado en 20.000 euros e que será aportado pola Xunta.

Tras obter a autorización do organismo autonómico e pechar co Goberno galego unha partida de

35.000 euros para esta ponte e a de San Lourenzo, comezaron os traballos na infraestrutura de Almofrei, que se están a centrar na súa limpeza, eliminación de elementos que poidan deteriorar a súa infraestrutura, rehabilitación e acondicionamento das rochas que a conforman e consolidación da mesma.

A Ponte de Almofrei está situada nun val moi estreito difícil de salvar e por iso se construiu, hai preto de 500 anos, cun só ollo nunha das zonas con menos pendente. Este paso, que unía as localidades de Almofrei e Mirón, posiblemente fora reformado no século XVIII  e serviu de ruta de arrieiros desde as terras do sur. A infraestrutura, construída en sillería de granito suxeita sobre grandes rochas, presenta un arco con case 8 metros de luz e 10 de altura.

Cubela  destacou  a  importancia  desta  obra  “tras  bastantes  meses de  traballo  para  obter  os permisos  e  o  financiamento  necesario” e  recalcou  que  se  trataba  dunha  prioridade  para  o executivo local “dado o noso compromiso co mantemento, nas mellores condicións, do rico patrimonio  que temos e do gran valor histórico da Ponte de Almofrei”.

Deja un comentario