+034 986 09 02 04 Luns 18 de Decembro de 2017

UNHAS 3.000 PERSOAS MANIFÉSTANSE EN PONTE CALDELAS EN CONTRA DA TRASVASE DO RÍO VERDUGO


O Concello anuncia que, ademais da presión social e das actuacións administrativas, estuda emprender actuacións xudiciais

Unhas 3.000 persoas manifestáronse en Ponte Caldelas en contra do trasvase que planea Augas de Galicia, a petición do Concello de Vigo, para reforzar o subministro do sistema Eiras-Oitavén, que abastece a unha ducia de municipios do Sur da provincia.

A mobilización, convocada polo Concello de Ponte Caldelas, estivo encabezada polo Goberno local, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, e a lectura do manifesto final correu a cargo do alcalde, Andrés Díaz, quen cualificou as pretensións de Augas de Galicia como un “sacrilexio ambiental”.

A marcha partiu sobre as 12.30 horas da Alameda e concluíu na praia fluvial da Calzada, despois dunha media hora de percorrido. Durante o percorrido foi sumándose xente.

Andrés Díaz destacou que trátase dunha primeira mobilización social dun pobo indignado diante dunha medida que, a día de hoxe, segue sen ser comunicada ao Concello, no que supón unha descortesía institucional sen precedentes. “As únicas novas que temos son a través da prensa e iso é algo que nos parece intolerable”. Engadiu que os técnicos municipais están estudando todo tipo de medidas administrativas e está en marcha tamén un informe sobre as posibles medidas xudiciais a emprender.

O alcalde subliñou que dá por feito que a Xunta de Galicia pretende amparar as obras do trasvase cun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, “o instrumento que utilizan cando queren pasar por enriba das competencias urbanísticas dun concello, tal e como fixeron en Pontevedra para amparar as obras das fábricas e perpetualas na ría”, “daquela tocoulle ao Concello de Pontevedra e agora parece que lle toca a Ponte Caldelas”.

O Concello recalca que non vai tolerar que se lle retiren 350 litros ao segundo a un río que baixa xa cuns 800 litros ao segundo, un caudal extremadamente baixo que contrasta cos case 100.000 litros ao segundo que chega a desaloxar nun inverno normal.

“A seca é para todos”, recalcou o alcalde, quen lembrou que na recta final do franquismo, no ano 1977, inaugurouse a presa de Eiras, que xa secou a outra arteria fluvial de Ponte Caldelas, o río Oitavén. “En Ponte Caldelas somos solidarios, levamos moito tempo sendo solidarios, xa nos deixaron sen un río e agora non imos quedar sen o outro”.

Deja un comentario