+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O APALPADOR E A APALPADORA VISITARÁN 30 CONCELLOS DA PROVINCIA


O departamento de Cultura e Lingua introduce a figura feminina para normalizar a presenza da muller nos referentes míticos do Nadal

 As actuacións inclúen o reparto de landras para sensibilizar sobre o coidado dos montes e a preservación de especies autóctonas

A partires do vindeiro 21 de decembro e ata fin de ano, o Apalpador e a Apalpadora visitarán un total de 30 concellos da provincia ao abeiro do programa ‘Nadal en Galego’, que o departamento provincial de Cultura e Lingua pon en marcha por terceiro ano consecutivo. “Nesta edición a principal novidade é que a metade das actuacións previstas as vai realizar unha Apalpadora, co obxecto de normalizar a presenza da muller nun contexto como é o Nadal, no que practicamente non existen referentes míticos en clave feminina” indicou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, ao respecto da introdución desta novidade.

Ademais, as actuacións que se realicen no marco deste programa terán como eixo central a sensibilización sobre o coidado do monte e a preservación das especies autóctonas. Sobre este punto, Xosé Leal indica que “nun ano tan crítico para o monte da nosa provincia, sobre todo no referido aos lumes forestais, realizar un reparto de landras entre a rapazada no marco do propio espectáculo pareceunos unha maneira lúdica e axeitada de achegar estas cuestións ao público máis novo”

O reparto de landras realizarase en sobres deseñados especificamente para este itinerario que baixo o  título ‘Como ter un carballo. Sementa un carballo’ recollen unha explicación sobre o proceso de xerminación da landra e das súas características. As landras proveñen da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) e a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, sinalou que se decidiu facer o reparto “para poñer en valor a educación ambiental e en corresponsabilidade, xa que os nenos e nenas terán que se implicar no coidado da árbore”.

O espectáculo de ‘Nadal en Galego’ tamén inclúe a narración oral e a música, para o que a Apalpadora e o Apalpador van acompañados dun acordeonista, que xiran ao redor de historias tradicionais galegas, así como da importancia da compostaxe, de coidar os montes e da necesidade de evitar os incendios.

Este programa está concibido coa idea de fomentar transversalmente o uso e a dinamización do idioma, así como valores ligados ao medio ambiente, os hábitos saudables e o coñecemento da tradición de Nadal de seu. O deputado lembra que “levar as figuras do Apalpador e da Apalpadora polas comarcas da provincia é fundamental nesta época, para que os máis pequenos e pequenas teñan un contacto directo coas nosas tradicións e coas nosas raíces culturais”.

É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con esta figura mítica galega e coñecer a súa historia. Orixinalmente ‘O Apalpador’ representábase como un carboeiro de barba vermella e, segundo a tradición, baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeran suficiente durante o ano e deixáballes a cambio agasallos e castañas, ao tempo que lles desexaba un novo ano cheo de felicidade e comida.

Deja un comentario