+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

O CONCELLO E A EMPRESA METAL WORKS POÑEN EN MARCHA UN NOVIDOSO PLAN DE FORMACIÓN E INSERCIÓN LABORAL


Un total de 20 veciños/as recibirán formación integral sobre Estruturas Metálicas e un mínimo dun 50% serán contratados ao remate do curso

O Concello de Ponte Caldelas vai un paso máis alá na  súa política de formación e inserción laboral e, ademais dos cursos formativos que organiza habitualmente e dos acordos  para a contratación de veciños/as nas fábricas do polígono industrial da Reigosa, decidiu agora organizar iniciativas conxuntas con empresas para maximizar a inserción laboral.

Un total de 20 persoas do municipio serán seleccionadas  para  participar nun programa de Capacitación en Montaxe de Estruturas Metálicas que vai durar dous meses, co compromiso de contratación, ao remate do curso, por parte da empresa  especializada Metal Works and  Structures, dun mínimo dun 50% dos participantes. O Concello asumirá, cando menos a metade do custo deste programa de formación especializada para reducir o importe a aboar polos beneficiarios/as.

O acordo é froito das conversas mantidas polo alcalde, Andrés Díaz, co responsable de Recursos Humanos de Metal Works and Structures, Daniel Prego, e Francisco López, técnico da formadora especializada no sector industrial Formasolga. Metal Works é unha firma con sede en Vigo e que está a traballar en numerosas localizacións a día de hoxe, especialmente vinculadas á obra pública.

Andrés Díaz subliña a importancia desta iniciativa froito das políticas activas do Concello de Ponte Caldelas para facilitar a inserción laboral dos seus veciños e veciñas e axudar así a fixar poboación no municipio. Máis aínda, destaca a importancia deste acordo,  posto que o perfil que se busca é amplo, pois está dirixido a homes  e mulleres por igual e tampouco se dá preferencia a ninguén en función da idade. “Tanto vale unha muller de 50 anos como un rapaz de 18, o que conta é quen sexa mellor valorado durante os dous meses que vai durar o programa”, destacou.

O Goberno local caldelán (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradecen á empresa Metal Works and Structures e á formadora Formasolga a receptividade para xuntar forzas co Concello de Ponte Caldelas para poñer en marcha unha iniciativa pioneira de formación e inserción laboral.

A empresa adquire o compromiso de contratar cando menos a un 50% das persoas que participen no programa e superen os seus módulos cun aproveitamento adecuado. A porcentaxe podería mesmo incrementarse en función do grao de asimilación.

Durante o curso impartirase formación en Soldadura, Interpretación de planos, Eslingado de cargas, Formación en PRL en montaxe de estruturas, Traballos en altura e Operador de Plataformas Elevadoras Móviles de Persoas, todos eles aspectos relacionados coas necesidades da empresa.

O acordo de colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas e Metal Works and Structures busca a capacitación e inserción laboral de persoas desempregadas que estean empadroadas no Concello de Ponte Caldelas e teñan gañas de traballar nun sector que volve estar en crecemento.

A duración do programa formativo é de 200 horas, o que consumirá uns dous meses aproximadamente. A previsión é comezar o 8 de xaneiro e rematar na segunda semana de marzo nunha formación intensiva de luns a venres.

As persoas interesadas deben presentar a súa solicitude no Concello de Ponte Caldelas ata o día 29 deste mes de decembro. A proba de selección para elixir aos 20 participantes será o 2  de xaneiro e a listaxe definitiva de admitidos será o 5 de xaneiro.

Deja un comentario