+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O ROSAL RECIBE ESTE MÉRCORES “SORRISOS TRANSFORMADORES” A MOSTRA INTEGRADORA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá, xunto ao alcalde Jesús María Fernández, á conferencia impartida pola presidenta de ARELAS, Cristina Palacios.

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, acompañada polo alcalde do Rosal, Jesús María Fernández, asistirá este mércores, ás 13:00 horas no Auditorio Municipal do Rosal, á charla que impartirá Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* ARELAS, na que afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A conferencia, aberta ao público xeral e a que asistirán profesorado e alumnado do CPI Manuel Suarez Marquier, está encadrada na inauguración da mostra “Sorrisos Transformadores”, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración con ARELAS. Esta mostra está aberta ao público ata o luns 19 de xaneiro e poderase visitar de luns a venres, en horario de 9:00 horas ás 14:00 horas.

Sorrisos Transformadores é unha exposición itinerante que vén de percorrer varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas a persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas  pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas destinadas á comunidade escolar.

Deja un comentario