+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

PONTE CALDELAS PREPARA UNHA CARREIRA DE ORIENTACIÓN SOLIDARIA A PROL DOS DAMNIFICADOS POLOS INCENDIOS


A proba, pensada para gozar en familia, non terá carácter competitivo e  sorteará agasallos entre todos os participantes

O Concello de Ponte Caldelas e a empresa Galaicaventura traballan na preparación dunha  carreira de orientación solidaria  que  se  vai celebrar o primeiro domingo de  febreiro, o 4 día 4. A actividade servirá para  pechar o programa de actividades solidarias organizadas a raíz  dos incendios forestais do pasado 15 de outubro. Será unha carreira de orientación non competitiva, dirixida especialmente á familia e ás persoas que queiran pasar unha xornada de diversión.

A inscrición, cun custo de 5 euros (un prezo moi baixo para este tipo de actividades), debe facerse no sitio web de Galaicaventura ou,  se se prefire, directamente na URL http://www.galaicaventura.com/actividades/caldelas-aventura-6267.html. A carreira está pensada para facerse  en equipos de 4 persoas de todas as idades, sempre que en cada grupo haxa cando menos un adulto. Non obstante, admítese  tamén reservar o número de prazas que se  estime convinte, mesmo unha soa, porque a organización asignará a todos os participantes a un equipo. Todos os participantes estarán cubertos por un seguro e haberá persoal voluntario en lugares estratéxicos, así como nas estacións de actividades e balizas.

A organización está xa a traballar no deseño das estacións de actividades, todas elas pensadas  para que a diversión sexa a protagonista,  dado que se pretende captar a todo tipo de público, especialmente familias. A inscrición está limitada a un máximo de 260 persoas, é dicir 65 equipos, para garantir un paso fluído polas estacións de actividades.

A saída será ás 11 horas e a hora máxima de chegada será ás 16 horas, polo que haberá un total de cinco horas para completar as probas nas estacións de actividade e o percorrido obrigado polas balizas de selado, sen que conte o tempo investido. A organización subliña que se trata  dunha proba non competitiva. De feito, a primeira norma do regulamento é que está prohibido correr. As persoas participantes sairán cun plano no que figurarán as estacións, nas que completar as distintas probas de escalada, equilibrios, tirolina, tiro con arco, etcétera, sumando diferentes puntuacións, en función da  dificultade. Haberá tamén pasos obrigados por balizas, onde o premio é menor. Ao remate haberá unha clasificación, pero esta non dará dereito a premios, porque todos os que se entreguen serán sorteados entre as persoas inscritas. Entre os agasallos xa confirmados hai unha bicicleta doada pola Deputación Provincial.

Deja un comentario