+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

A PARTY INFORMÁTICA XGN R ENCOUNTER CELEBRARÁ DO 12 AO 14 DE OUTUBRO A SÚA DÉCIMO OITAVA EDICIÓN, NA QUE SEGUIRÁ REFORZÁNDOSE


A Feira Internacional de Galicia  ABANCA celebrará do 12 ao 14 de outubro deste ano a décimo oitava edición da  party informática  XGN  R  Encounter, na que de novo contará co apoio da Consellería de Política Social, impulsora do evento, e coa colaboración e patrocinio oficial da empresa  R.

Dende estas tres entidades comezarase en breve a organización desta nova cita para seguir incorporando melloras e novidades que xa caracterizaron a pasada convocatoria e coas que se pretende que a  XGN  R  Encounter siga reforzándose para converterse nuns anos na segunda  lan  party máis importante de España. Un obxectivo no que terá gran peso a súa vinculación coa rede de  Encounters do Grupo  Euskaltel que vén desenvolvéndose no País Vasco desde hai 25 anos, e da que forman parte a  Euskal  Encounter, a  Gipuzkoa  Encounter e a  Araba  Encounter.

A  XGN  R  Encounter manterá en 2018 a súa formulación. Así, contará coa súa zona Intranet, orientada aos inscritos, os cales poderán desfrutar dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en torneos exclusivos. Unirase de novo a ela a  Extranet, área que acollerá un completo programa de actividades ás que poderán acceder tanto os inscritos como os visitantes que acudan ao recinto. Ademais, volverá incluír un espazo expositivo complementario con presenza de empresas relacionadas co material informático, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico.

Aínda que o evento comezará oficialmente o día 12 de outubro, abrirá as súas portas de forma non oficial o día 11 pola tarde co obxectivo de facilitar o acceso aos inscritos e permitir que comecen a instalarse. Será unha xornada de probas técnicas e montaxe.

 Excelentes resultados na pasada edición

A convocatoria de 2017, que se celebrou do 8 ao 10 de setembro, supuxo para a  XGN  R  Encounter o punto de partida para situarse entre as  parties máis importantes do país. Non en balde multiplicouse por cinco a velocidade de conexión, pasando de 2 a 10  Gbps, e incrementouse notablemente o número de actividades do programa, incluíndo ademais numerosas novidades con gran aceptación que serán reforzadas en 2018, como as áreas de arte dixital, robótica, impresoras 3D e realidade virtual.

O evento contou con máis de 800 inscritos, na súa maioría galegos pero tamén de Asturias, Cantabria, Madrid, Barcelona,  Bizkaia,  Gipuzkoa, Navarra, Burgos, Salamanca, Sevilla, Valencia, Baleares e Alacante. Estes participantes, entre os que a satisfacción foi moi alta, destacaron a gran velocidade de internet, a fiabilidade da rede e o alto número de actividades desenvolvidas.

Deja un comentario