+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018

ARRANCA A REURBANIZACIÓN DA PRAZA DO CONCELLO DE CERDEDO E HABILÍTANSE ACCESOS ALTERNATIVOS


Córtase o acceso e prohíbese o estacionamento no recinto, polo que os veciños de Outraldea deberán achegarse pola rúa da Constitución

Balseiros pide desculpas polas posibles molestias e destaca a obra “pola importancia que ten para mellorar a imaxe e a seguridade da praza”

A obra de reurbanización da Praza do Concello de Cerdedo vai arrancar no día de hoxe, 15 de xaneiro, e o goberno local xa detallou un completo plan circulatorio con accesos alternativos ante o peche completo deste recinto co obxectivo de que a mobilidade dos veciños apenas se vexa afectada por estes traballos.

Así, e dado que vaise cortar o acceso á praza e vaise prohibir o estacionamento na mesma, os residentes en rúa e Calzada da Outraldea deberán utilizar a rúa da Constitución para chegar ás súas vivendas. Polo demais, o tránsito peonil ata a casa consistorial e algunhas vivendas da zona estará perfectamente establecido con pequenos pasillos. Esta situación xa foi comunicada persoalmente aos afectados e existe información da mesma en toda a contorna.

A mellora da Praza do Concello de Cerdedo foi adxudicada á empresa Nexia e enmárcase no Plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente cun orzamento que rolda os 180.000 euros.

O vicepresidente municipal, José Balseiros, quixo solicitar desculpas aos veciños e visitantes do municipio polas posibles molestias e os cambios nos accesos que ocasionará a obra, pero indicou que “o esforzo pagará a pena pola importancia que ten esta actuación para mellorar a imaxe e a seguridade da praza”. “É unha obra moi necesaria para mellorar as condicións do espazo máis céntrico que ten o principal núcleo poboacional do municipio”, apostillou.

Ademais, indicou que o inicio das obras son “un magnífico xeito de comezar un ano que se prevé histórico a nivel de investimentos para Cerdedo”, xa que sinalou que no 2018 debe comezar a construción da residencia da terceira idade, a rehabilitación das vivendas dos mestres, a estrada Serrapio-Vichocuntín, a ampliación da estrada de Quireza e a creación de sete depósitos de augas en outros tantos puntos do municipio, entre moitas outras obras proxectadas.

Detalles da obra

A Praza do Concello de Cerdedo  está pavimentada con pezas de granito que presentan un acabado moi irregular, que sobresaen unhas por riba das outras ou incluso que están rotas, principalmente polas condicións de asentamento do terreo e polo paso de vehículos. Esta situación motiva inconvenientes aos peóns e ao tráfico e incluso xenera risco dalgún accidente polo que se fai necesaria a súa reparación.

O proxecto contempla a retirada de todo o pavimento empedrado co acopio das pezas que se atopan en bo estado para a súa posterior reutilización e o levantamento do parque infantil, da pérgola con estrutura de madeira e das luminarias existentes para o seu aproveitamento. Tras esta primeira fase de demolición, procederase á pavimentación de toda a praza con zahorra, formigón e mallazo e, sobre esta soleira, instalarase o novo enlousado con pedras de granito cun groso de 15 centímetros. Ademais, o proxecto tamén contempla a canalización do saneamento e a dotación de recollida de pluviais e de puntos de luz do alumeado público.

Deja un comentario