+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018

A OBRA DE TEATRO ‘NACIDAS LIBRES’ RECALA ESTE SÁBADO EN BUEU


A sesión terá lugar ás 21.00 horas no Centro Social do Mar, cun custe de 3.00 € por entrada 

A historia reflexiona sobre a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas ou a emigración

O Concello de Bueu “continúa a apostar polo teatro profesional para toda a cidadanía a prezos asequibles”, así presenta Xosé Leal, concelleiro de cultura de Bueu, a obra de teatro Nacidas Libres, que se poderá ver o vindeiro sábado, 20 de xaneiro, ás 21.00 horas no Centro Social do Mar. Cun custe de tres euros por sesión, Nacidas libres, da compañía Contraproducións, é unha proposta que se insire nas representacións teatrais organizadas dende o Concello un sábado ao mes. Esta obra, escrita por Cándido Pazó e dirixida por Cristina Domínguez, narra a historia de catro actrices que atravesan esas idades nas que corren o risco de desaparecer do mundo do espectáculo e que deciden montar a súa propia peza. Como non atopan argumentos, deciden encomendarlle a tarefa a unha escritora moza que parte dunha noticia aparecida nos xornais arredor da retención de tres mozas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago. Con esa inspiración van argallando un espectáculo en múltiples planos no que, con rigor e obxectividade, pero con frescura, dinamismo, emoción e pinceladas de humor, entran no entramado argumental do caso, pero tamén en múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos desde a perspectiva de xénero: a desigualdade, a ilusión da liberdade, os condicionantes da muller nas distintas culturas, a emigración…

As catro actrices que interpretan a máis dunha ducia de personaxes son Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Rocío González e Susana Dans, quen xa estiveran antes do verán na vila bueuesa para dar voz a “As do peixe”, una obra tamén con moito trasfondo feminino.

“Sábados de teatro”

A obra insírese no proxecto Sábados de teatro, posto en marcha polo Concello de Bueu tendo como obxectivo achegar a cultura ás nosas vidas. O pasado ano puidéronse ver as obras O que hai que ver, de Fulano Mengano e Citano, As do peixe da compañía Contra producións e Que é o que precisas?, de Expresión Produccións, amais de O esperpéntico caso do obreiro do futuro de Lautana Teatro.

De cara a este ano, Xosé Leal avanzou que se está estudando a ampliación do proxecto para levar teatro afeccionado ás parroquias e diversos lugares do municipio.

Deja un comentario