+034 986 09 02 04 Martes 22 de Maio de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

QUEIMADELOS ESTREA NOVA PRAZA DE PEDRA DIANTE DA CASA DA CULTURA


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, acompañado dos alcaldes pedáneo e do concello, visitou hoxe as obras financiadas pola Deputación

Incluíronse varios redutores de velocidade para calmar o tráfico na zona, moi frecuentada pola veciñanza  

A Entidade Local de Queimadelos en Mondariz vén de estrear unha nova praza de pedra diante da Casa da Cultura. O deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, acompañado dos alcaldes Xoán Carlos Montes Bugarín e o pedáneo Manuel Portas, visitou hoxe as obras financiadas pola institución provincial, que xa están rematadas, e que abrangueron a reforma de 250 metros cadrados fronte ao edificio veciñal, así como a instalación de redutores de velocidade para calmar o tráfico e aumentar a seguranza viaria nese punto da EP-4303 Mondariz-Meirol.

O deputado Benítez mostrouse satisfeito do resultado da obra, que tivo un orzamento de 57.523,92 euros, e destacou que a intención do proxecto provincial era unha replanificación profunda dese espazo público para priorizar aos peóns, creando unha área de convivencia cos vehículos. O novo deseño da zona incluíu un novo enlousado de pedra, creando unha praza de 250 metros cadrados que incorporou tanto o espazo da estrada provincial como os sobreanchos existentes.

A praza está agora elevada uns dez centímetros con respecto á cota do resto do firme da estrada, e accédese a ela mediante ramplas de entrada e saída que exercen de redutores de velocidade, obrigando aos condutores a minorar a marcha. Ademais, instaláronse outros dous redutores de velocidade varios metros antes e despois da praza, para que os vehículos xa vaian amodo cando entren nela, deixando todo o espazo limitado a 30 quilómetros por hora. Tamén se aproveitou para remodelar a fonte existente e colocar unha varanda metálica de doce metros como prevención ante o desnivel no lateral da Casa da Cultura na intersección da estrada provincial cunha vía local de baixada.

Benítez resaltou que a actuación provincial pretendía, ademais de cumprir o obxectivo principal de mellorar a seguranza viaria, “singularizar a edificación da Entidade Local Menor de Queimadelos, xa que se trata dun edificio con moita personalidade”. Destacou que na contorna existen tamén outros elementos patrimoniais, como o carballo ou a fonde, aos que o novo tratamento da zona aportou “máis entidade”. “Sabemos que este lugar ten moito uso por parte da veciñanza, polo que quixemos ser sensibles non só á mellora da estrada, senón tamén a facer un espazo de uso de calidade para a cidadanía”, destacou.

Pola súa parte, o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, sinalou que o concello está “en total consonancia” coa filosofía da Deputación de Pontevedra de reducir a velocidade do tráfico nos espazos públicos para que poida existir unha convivencia harmónica entre os coches e os peóns sen risco de accidentes nin de golpes.

Bugarín mostrouse moi satisfeito coa actuación, e indicou que de cara ao futuro sería axeitado habilitar unha senda para o tránsito dos peóns á beira da estrada EP-4303 dende o Carballo da Armada ata a Casa da Cultura, aínda que recoñeceu que apenas hai espazo e que a actuación será difícil de encaixar pola sección da vía. “Esta primeira fase está ben, e haberá que seguir falando coa Deputación”, subliñou.

Finalmente, o alcalde pedáneo de Queimadelos, Manuel Portas García, tamén se mostrou moi satisfeito pola actuación financiada pola Deputación. “Quedou moi ben e agora xa non teremos tantos problemas de seguranza viaria, porque por aquí pasaban coches a toda velocidade”, explicou, destacando que ese espazo é moi utilizado para todos os usuarios da Casa da Cultura, un núcleo de centralidade na parroquia onde se celebran moi diferentes actividades, e que coincide co lugar onde se xuntan as crianzas da vila para coller a parada do autobús cara o colexio.

Deja un comentario