+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

UXÍO BENÍTEZ DEFINE COMO “UN AUTÉNTICO ÉXITO” A CONVOCATORIA DE AXUDAS PROVINCIAIS PARA REDACTAR PLANS DE MOBILIDADE SUSTENTABLE NOS CONCELLOS


O deputado de Mobilidade anunciou que se beneficiarán das subvencións 42 municipios da provincia

Será preciso ampliar o crédito inicialmente previsto de 300.000 a 579.000 €

“Un auténtico éxito”. Así cualificou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez a convocatoria de axudas da Deputación para que os concellos da provincia redacten Plans de Mobilidade Sustentable (PMS). Benítez explicou que 42 municipios acolléronse ás subvencións, o que supón dous de cada tres dos municipios que podían presentarse á convocatoria. Así mesmo, indicou que o seu departamento terá que ampliar de 300.000 a 579.000 euros o crédito previsto para facer fronte ás axudas, cumprindo co compromiso dado de cubrir todas as solicitudes.

“Facemos unha valoración extraordinaria. Non contabamos con tantos concellos e case temos que duplicar a partida prevista. O número de solicitudes superou as nosas expectativas e é unha enorme satisfacción, porque demóstrase a liña de axudas era unha boa iniciativa, e que fixemos ver aos gobernos locais nas xornadas que celebramos en outubro a importancia da mobilidade sustentable e de mirar cara o deseño e o futuro das súas vilas. Vemos que hai preocupación neste sentido”, indicou.

Benítez explicou que serán beneficiarios das subvencións 15 concellos de máis de 12.000 habitantes, que recibirán unha achega máxima de 20.000 euros: Vilagarcía, Redondela, Lalín, Ponteareas, Nigrán, Gondomar, Porriño, Poio, Sanxenxo, Mos, Tui, Moaña, Cangas, Bueu e Tomiño; outros seis concellos de entre 6.000 e 12.000 habitantes, que recibirán 15.000 euros de máximo cada un: Salceda de Caselas, Silleda, Caldas, O Rosal, O Grove, e Soutomaior; e 21 concellos de menos de 6.000 habitantes, que recibirán un máximo de 9.000 euros cada un: Oia, Fornelos, Moraña, Catoira, Mondariz Balneario, Pontecesures, Campo Lameiro, Covelo, Cuntis, Portas, Meaño, As Neves, Valga, Pazos de Borbén, A Lama, Arbo, Ponte Caldelas, Mondariz, Vila de Cruces, Forcarei e A Illa de Arousa.

“Que non queden no caixón”

A tramitación das axudas provinciais para os PMS está a piques de aprobarse oficialmente. As solicitudes foron supervisadas polo departamento de Mobilidade, tendo verificado que cumpren os requisitos, e entre finais deste mes e inicio de febreiro faranse as concesións mediante resolución de Xunta de Goberno. Estas comunicaránselle aos concellos, que deberán sacar a licitación os PMS e terán un prazo dun ano para a súa redacción e entrega á Deputación, que deberá supervisalos tecnicamente antes do pago das subvencións.

Segundo dixo Benítez, establecéronse unha serie de requisitos mínimos para o pago das achegas provinciais: que o PMS teñan unha serie de requisitos técnicos mínimos para garantir a súa aptitude, que haxa un cofinanciamento por parte de cada concello do 25%, e que sexan aprobados en Pleno. “Estas esixencias son fundamentais para que os PMS non queden no caixón, para que sexan executables”, indicou, ao tempo que insistiu en que deben ser plans participados por todas as Corporacións e aprobados preferentemente por unanimidade. Tamén subliñou que, dado o alto número de solicitantes, “é de agradecer que os concellos decidan poñer cartos para cuestións que non se van visualizar no actual mandato , a un ano de eleccións municipais,  porque demostra ter altura de miras”.

O nacionalista sentenzou que “2018 vai ser o ano da planificación” e destacou que o investimento global na provincia para fomentar a mobilidade sustentable será de 772.000 euros dado que, ademais do investimento de 579.000 nos PMS por parte da Deputación, os concellos deberán facer unha acheda do 25%.

Benítez destacou que os PMS son unha ferramenta fundamental para tomar decisións  sobre a rede de estradas e espazos públicos, para optimizar recursos e actuacións propias, e para poder acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable. O obxectivo destes documentos, dixo, “é modificar a mobilidade urbana nas vilas e concellos da provincia promovendo estratexias de baixa emisión de carbono e melloras da contorna urbana  para conseguir espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía”.

Os PMS subvencionados pola deputación deberán recoller de forma clara a priorización de actuacións e a metodoloxía proposta para executar actuacións  concretas de forma que faciliten a xestión futura por parte dos responsables municipais.

Cada PMS deberá incluír unha toma de datos e análise de normas e plans urbanísticos, física e territorial, socioeconómica e demográfica, de transporte e circulación, enerxética e medio ambiental, de seguranza viaria e de recompilación de participacións cidadás. Ademais, deberá identificar problemas e retos, unha definición de liñas estratéxicas, e unha delimitación de propostas e obxectivos específicos, entre os que destacan as medidas de fomento e mellora dos desprazamentos en modos non motorizados (peonalizacións, creación de sendas peonís, carrís bici…), medidas de reordenación e mellora do transporte público, de mellora e xestión de aparcamentos, de desconxestión viaria, de distribución e control de accesos, de futuro desenvolvemento do viario, medioambientais e de protección e de fomento e regulación en centros atractivos de actividade.

Finalmente, os PMS deberán concretar un plan de implantación cun cronograma orzamentado para concretar os obxectivos en proxectos de obras concretas, que poderán ser financiadas tanto por fondos municipais, provinciais, autonómicos, estatais como fondos europeos.

Por comarcas

Por comarcas concederáselle a axuda provincial para os PMS na comarca de Pontevedra a Poio, Ponte Caldelas, A Lama e Campo Lameiro; na comarca de Vigo a Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Gondomar e Nigrán; na comarca de O Salnés concederase a axuda a Vilagarcía, Sanxenxo, Meaño, O Grove e A Illa; na comarca de Caldas a Caldas de Reis, Catoira, Valga, Pontecesures, Cuntis, Moraña e Portas; no Deza Tabeirós, a Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei; no Baixo Miño a Oia, O Rosal, Tomiño e Tui (A Guarda xa dispón de Estudo de Mobilidade); e no Condado Paradanta a Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo e Covelo.

Deja un comentario