+034 986 09 02 04 Venres 25 de Maio de 2018

O CONCELLO E A GARDA CIVIL HOMENAXEAN A UN VECIÑO QUE DEVOLVEU UN SOBRE CON 1.000 EUROS QUE ATOPOU NA RÚA


Os cartos pertencían a unha muller maior que acababa de facer xestións  nunha sucursal bancaria

Un veciño de Ponte Caldelas recibiu o recoñecemento do Concello e da Garda Civil pola súa honradez. A finais do pasado ano atopou un sobre con 1.000 euros nunha rúa do centro, moi preto dunha sucursal bancaria, e non dubidou en entregalo no cuartel da Benemérita para a localización da propietaria dos cartos.

A honradez de Javier Vidal Piñeiro fixo posible que unha muller maior recuperara uns cartos que, aínda no momento de ser localizada pola Garda Civil poucas horas despois non se tiña decatado de que perdera. O alcalde, Andrés Díaz, e o sarxento-xefe do posto, Javier Márquez, agradeceron o  xesto cunha recepción institucional no Concello e a entrega dun obsequio, consistente nunha figura que reproduce a escultura do pescador do Verdugo.

O homenaxeado explicou que saíu do banco despois de facer unha xestión e atopou o sobre sobre na beirarrúa, sen ningún tipo de dato persoal, só cos cartos dentro. “Cheguei á casa, consulteino coa miña muller e de seguido decidimos entregalo porque a xente o está pasando moi mal con tanta crise e porque pareceunos o correcto”.

Así que pouco despois os cartos estaban en poder da Garda Civil, que, despois dunhas rápidas averiguacións, localizou á propietaria. A muller explicou que metera o sobre entre outros papeis e nin sequera tiña notado a súa falta.

Javier Vidal explicou que a muller chamouno persoalmente para darlle as gracias dun xeito moi emotivo, cousa que lle agradece. Trátase tamén dunha veciña de Ponte Caldelas, explicou.

O alcalde, en nome de todo o Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), subliñou que está moi orgulloso do exemplo que Javier Vidal deu co seu comportamento e consideraba necesario divulgar e recoñecer un feito destas características, “porque o civismo, o feito de ser unha boa persoa, debería ser o normal”. De feito,  explicou, o acto foise atrasando por diversos motivos, pero o importante é que, finalmente, o fagamos.

Subliñou, ademais, que o veciño homenaxeado é un pai de familia e un traballador autónomo “que non é millonario nin moito menos” e que coa seu comportamento esperta tamén o orgullo de ser de Ponte Caldelas. O protagonista do acto amosouse moi agradecido polo agasallo institucional, “aínda que cunha cousa máis sinxela chegaba ben”.

Deja un comentario