+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

O CONCELLO SOLUCIONA O PROBLEMA DA FALTA DE ACCESO AO DEPÓSITO DE AUGA DE XUSTÁNS


Abre unha pista dende a estrada provincial para facilitar o mantemento dunha infraestrutura da máxima importancia para a parroquia

O depósito de auga de Xustáns contará en moi poucos días cun acceso rodado en perfectas condicións. O Concello de Ponte Caldelas está executando estes días as obras, atendendo así a unha vella petición da veciñanza.

Ata o de agora só era posible achegarse a esta infraestrutura hidráulica, que abastece a boa parte da parroquia, a pé, a través dunha finca particular, o que supoñía unha grave dificultade para realizar labores de comprobación ou mantemento.

O alcalde, Andrés Díaz, visitou uns traballos que comezaron coa intervención de maquinaria pesada,  que está a picar a rocha firme que hai a carón da estrada. O proxecto recalca  a necesidade de suavizar a pendente nos case 50 metros de treito para que a nova pista sexa funcional. Unha vez finalizada a excavación mecánica procederase a instalar unha canalización de 350 milímetros para o desaloxo das augas pluviais ata a beira da estrada.

O novo acceso quedará rematado coa aplicación dunha capa de zahorra e o formigonado do firme para garantir a adherencia dos vehículos.

“Con esto facemos unha obra moi importante, pois o depósito presta servizo a case toda a veciñanza de Xustáns”, afirma Díaz, quen engade que trátase dunha mellora “de caixón”, como moitas das que levamos realizado nestes case tres anos de mandato Ao seu xuízo resulta sorprendente escoitar as peticións dos veciños do rural, case todas elas moi razoables, e que foron ignoradas durante décadas.

O Goberno local tripartito de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) continúa deste xeito cumprindo coa execución das obras acordadas durante as asembleas veciñais celebradas  a principio do mandato.

Deja un comentario