+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS BONIFICA Á EMPRESA EGASEN A CAMBIO DE CONTRATAR A PERSOAS EMPADROADAS


A firma, dedicada á comercialización de motores e redutores industriais, construiría unha planta de produción no polígono da Reigosa

O Concello de Ponte Caldelas bonificará cun 50% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) á empresa Egasen, ata agora dedicada á importación de motores eléctricos e redutores industriais. A firma está a piques de iniciar as obras dunha planta de produción propia no polígono da Reigosa que pretende poñer en marcha a finais deste ano.

A fábrica de redutores suporá un investimento que está en torno aos 700.000 euros e xerará  paulatinamente uns 10 postos de traballo entre persoal de comercio exterior, operarios, administrativos, atención ao público e almacén. O protocolo de bonificación fiscal, que foi asinado polo alcalde, Andrés Díaz, e o xerente de Egasen, Juan José Barreiro, será aprobado no Pleno ordinario de hoxe, xoves.

A idea dos responsables de Egasen (Electro Gálvez y Senebre S.L.), tras 28 anos de vida empresarial e un perfecto coñecemento do sector e o produto, é fabricar este tipo de equipos industriais á carta, adaptándose ás necesidades do cliente. O seu plan de empresa céntrase inicialmente no mercado latinoamericano e portugués, apostando pola xestión da calidade dende o selo de fabricación na Unión Europea. Competirá así con garantías co produto estándar importado de países como China ou Turquía.

O Concello caldelán, gobernado pola coalición formada por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, mantén a súa política fiscal coas empresas do polígono da Reigosa, esixindo a contratación de veciños e veciñas de Ponte Caldelas, o que está a producir excelentes resultados.

Andrés Díaz destacou a iniciativa desta empresa,  que decidiu ir contracorrente no proceso de globalización, traendo para Ponte Caldelas a fabricación dun produto que normalmente chega de países con man de obra barata. O alcalde destacou a importancia de localizar os procesos produtivos, contribuíndo a unha economía máis real, baseada na produción de bens e servizos de alta calidade a partir da contratación de persoal cualificado.

Egasen adquiriu unha parcela de 2.700 metros cadrados no polígono da Reigosa, onde vai erguer unha nave duns 1.500 metros cadrados construídos para acoller a súa nova actividade industrial, complementando así a súa faceta importadora-comercializadora.

Os redutores son sistemas industriais que se encaixan aos motores eléctricos e serven para reducir velocidade e incrementar potencia. Utilízanse nunha gran variedade de procesos de fabricación en cadea, con especial aplicación a todo tipo de cintas transportadoras, tan habituais nas industria da automoción ou na conserveira. Tamén son imprescindibles en maquinaria de corte de pedra ou madeira, entre outras moitas.

Deja un comentario