+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018

O PP DE PONTEAREAS TRANSMITE Á XUNTA O SEU INTERESE POLA AXILIZACIÓN DA REFORMA DA PO-403


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron unha reunión esta mañá co portavoz da formación política para escoitar as súas demandas en materia de mellora da seguridade viaria desta estrada ao seu paso pola parroquia de Angoares

O  delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Infraestruturas, Francisco Menéndez mantiveron esta mañá unha reunión co portavoz do PP de Ponteareas, Salvador González Solla, con quen analizaron a demanda de axilización das obras de mellora da seguridade viaria da PO-403 ao seu paso pola parroquia de Angoares.

Na reunión estiveron tamén presentes os concelleiros Belén Villar e Andrés Sampedro.

Os populares trasladáronlle á Xunta de Galicia o interese que teñen os veciños pola reforma desta estrada para mellorar en seguridade viaria, tanto para os peóns coma para os vehículos, e recordaron que xa cando estaban ao fronte do Goberno deste concello na pasada lexislatura, presentaron unha demanda de mellora desta estrada que enlaza Ponteareas con Salvaterra do Miño.

Recentemente volveron a solicitar esta mellora e tamén unha reunión cos responsables de Infraestruturas para analizar a problemática da PO-403, encontro que tivo lugar no día de hoxe e onde reiteraron a necesidade de favorecer a seguridade viaria nesta parroquia a través da reforma dos accesos ao centro cultural da parroquia así como aos núcleos dos barrios da mesma. Tamén solicitaron que, na medida do posible, se executen beirarrúas no tramo urbano onde aínda non existen.

Pola súa banda, Cores Tourís e Francisco Menéndez recordaron aos concelleiros de Ponteareas que o Goberno da Xunta anunciou a finais do ano pasado o impulso dunha estratexia para eliminar das estradas de titularidade autonómica os tramos de concentración de accidentes, como este de Angoares, ata o 2020.

“Suporá 98 actuacións en 52 puntos negros, cun investimento de 12,3 millóns de euros, actuándose en todos os quilómetros nos que se produciran 10 ou máis sinistros nos últimos cinco anos”, explicou o delegado territorial, quen matizou que esta estratexia recolle medidas para “estratexia recolle medidas para lograr unha redución da velocidade dos vehículos ao paso pola poboación e a reordenación de accesos, agrupándoos mediante vías de servizo e, sobre todo, vixiando os movementos de xiro á esquerda e impedíndoos onde non sexan seguros, ademais de habilitar alternativas de cambio de sentido para manter a funcionalidade”.

A construción de rotondas tamén se considera unha opción eficaz naquelas interseccións nas que as vías que cruzan teñen tráficos parecidos e nas que se comprobou a ineficacia doutras solucións. A estratexia tamén fai especial fincapé noutras actuacións para executar como as consistentes na mellora da sinalización horizontal e vertical, balizamento e tamén recolle o tratamento das marxes e barreiras de seguridade.

Ambos responsables autonómicos finalizaron explicando que, xa na presentación desta estratexia se anunciou que se actuaría nesta estrada PO-403, no concello de Ponteareas, dado que nela se identificou un treito de concentración de accidentes.

Deja un comentario