+034 986 09 02 04 Mércores 18 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

BAIONA ESTREARÁ EN VERÁN UNHA NOVA SENDA PEONIL DUN QUILÓMETRO NO CAMIÑO DA COSTA E UN MIRADOIRO EN MONTE ALTO


Deputación e Concello asinaron hoxe o convenio para realizar as obras en dúas estradas provinciais cun orzamento de máis de 381.000 euros

 Este xoves finalizarán as primeiras reunións de traballo entre os concellos galegos e portugueses implicados no programa

O Camiño a Santiago pola costa ao seu paso por Baiona contará este mesmo verán cunha nova senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo e un miradoiro no lugar de Monte Alto que permitirá gozar do valor paisaxístico da zona. Así se anunciou hoxe na sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona, na que estiveron presentes a presidenta Carmela Silva, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez e o alcalde Ángel Rodal. Este acordo que permitirá realizar unha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible cun investimento de 381.022,32 euros, financiados ao 80% pola institución provincial e ao 20% polas arcas locais.

Segundo explicou o deputado Benítez, a Deputación de Pontevedra está a desenvolver unha nova filosofía de actuación en materia de infraestruturas en toda a provincia, a Estratexia de Mobilidade 3.0, que supón “impulsar actuacións centradas nas persoas a diferencia das actuacións do anterior goberno, que só desenvolvía obras pensadas únicamente para os vehículos”.  O nacionalista destacou que o obxectivo do novo goberno é conformar un contorno viario seguro e tranquilo, fomentando a convivencia entre a mobilidade peonil da veciñanza e outros sistemas de transporte nas vías provinciais.

No caso de Baiona, Benítez destacou que na actualidade as estradas provinciais EP-2202 e EP-2203 que coinciden co Camiño de Santiago teñen un deseño pensado exclusivamente para os vehículos, por iso se apostou por habilitar un espazo destinado a peóns e bicicletas. “A nosa aposta é aplicar os nosos criterios de prioridade para as persoas tendo en conta que neste caso concreto hai un componente dun espazo natural magnífico e espectacular, cun valor paisaxístico e turístico moi atractivo, por iso queremos impulsar non só a senda, senón todo o que hai arredor”, dixo.

O responsable do departamento de Mobilidade –impulsor da obra- explicou que a nova senda terá 975 metros de lonxitude e un largo de 2,5 metros, o que permitirá garantir a accesibilidade e unha mobilidade amable para a veciñanza e para os grupos de peregrinos e peregrinas que pasan polo lugar. O ámbito de actuación terá limitada a velocidade dos coches a 30 quilómetros hora, e instalaranse  redutores físicos de velocidade de vehículos para calmar o tráfico de xeito efectivo. Por último, construirase un miradoiro no lugar de Monte Alto, onde se habilitarán uns bancos para poder gozar da paisaxe nunha cota de 100 metros sobre o mar con vistas á badía e á cara sur das Illas Cíes.

Segundo lembrou o nacionalista, levar adiante o anteproxecto elaborado pola Deputación foi moi laborioso e prolongado no tempo, xa que nun primeiro momento foi paralizado pola Dirección Xeral de Patrimonio. O departamento autonómico consideraba que a senda tiña un largo excesivo que debía ser reducido a “pouco máis dun metro”. Sen embargo, dixo Benítez, “presentamos un recurso de alzada explicando que a senda con esas características non cumpliría nin siquera a Lei de Accesibilidade e finalmente tivemos un informe positivo”, salientou.

Unha vez xa asinado o convenio, dixo o deputado Benítez, procederase de xeito inmediato á licitación das obras, que poderán iniciarse no verán se todos os trámites administrativos se realizan segundo as previsións. O prazo de execución das obras será de tres meses unha vez que a actuación estea adxudicada.

“Un antes e un despois”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recordou na sinatura do convenio que “nos anos 70, en épocas do desarrollismo, todo se pensaba en clave económico, en cantos rendementos económicos íamos recibir das accións que se desenvolvían, sen pensar no papel que xogan as persoas, na necesidade de construír espazos para que as persoas poidan desenvolver unha vida digna, unha vida na que o espazo non nos sexa arrebatado pola economía”. Ao respecto, Silva indicou que “cando chegamos á Deputación tiñamos moi claro a necesidade de impulsar un novo modelo en canto á mobilidade xa que o que estaba funcionando estaba centrado nos vehículos e no transporte, quitando calidade de vida ás persoas e impedindo outras oportunidades de desenvolvemento económico máis sostible e con capacidade de xerar recursos de calidade”.

O novo modelo de mobilidade que puxo en marcha o goberno de Carmela Silva parte da idea de que “o século XXI ten que ser o século da conectividade; o da seguridade nas infraestruturas de comunicación, xa que non podemos esquecer que a provincia de Pontevedra ten os maiores índices de sinistralidade en estradas; da mobilidade das persoas, para que poidan ocupar o espazo público algo que non está rifado co transporte; da accesibilidade universal, garantindo que as persoas con diversidade funcional e persoas maiores poidan moverse; e da sustentabilidade”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra felicitou ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, polo seu esforzo. “No caso concreto deste proxecto de Baredo, vai marcar un antes e un despois no tratamento das infraestruturas”. Tamén recordou Silva que por este espazo transitan as peregrinas e peregrinos que van cara Santiago e puxo en valor “o crecemento exponencial do Camiño Portugués e do Camiño Portugués pola Costa, que pasou das cero ás 10.000 persoas peregrinas que temos neste momento”. Ao respecto, a presidenta provincial recordou as potencialidades “espectaculares” do Camiño para as vilas e pobos polos que discorre xa que “nos proporciona crecemento económico e a atracción dun turismo desestacionalizado”.

Silva enxalzou, sobre o proxecto, “o marabilloso miradoiro, desde o que case se poden tocar as Illas Cíes”, así como “a creación dun espazo no que se vai poder mover a xente e se vai poder circular con tranquilidade ao longo de case un quilómetro de percorrido”. Así, a presidenta provincial destacou que “estamos ante un proxecto de excelencia, un proxecto de todos e todas para todos e todas, un proxecto para Baiona”. Deste xeito, Carmela Silva felicitou ao goberno local “por traballar cóbado con cóbado coa Deputación de Pontevedra para conseguir que este proxecto teña todas as garantías” e fixo tamén un recoñecemento “ás comunidades de montes que permitiron que este proxecto sexa unha realidade”.

Finalmente, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, definiuse como o “alcalde dun paraíso” e subliñou que a nova senda defínese como unha “unión” tanto entre Portugal e Galiza a través do Camiño a Santiago pola Costa, como dos veciños das parroquias de Baiona a Baredo, que disporán dunha nova senda segura para comunicarse camiñando e en bicicleta. Rodal destacou que a nova infraestrutura tamén será utilizada polos usuarios do campo de fútbol e subliñou que terá moito atractivo turístico.

O rexedor lembrou que o proxecto xurdiu cando o Concello, sabedor do potencial da zona de Monte Alto polas súas vistas sobre a badía e as Illas Cíes, solicitou unha actuación de posta en valor do lugar á Deputación, xa que está situada na beira da estrada provincial. Rodal recoñeceu que foi o propio deputado de Mobilidade quen plantexou a posibilidade de ampliar o ámbito de actuación e incluír tamén a creación da senda para mellorar a mobilidade peonil, que en breve será unha realidade. “Esta non é unha senda menor. Ten moitas posibilidades e non fai falta nin vendela. Será unha zona que vai chamar a atención”, subliñou.

Deja un comentario