+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

A VECIÑANZA DE BARBUDO, FARTA DE TELEFÓNICA, QUE LEVA TRES MESES E MEDIO FACTURÁNDOLLES SEN DAR O SERVIZO


O Goberno local estudará iniciativas contra a multinacional, que tamén incumpriu o compromiso de non pasar os recibos aos abonados doutros lugares varridos polos incendios, como A Insua, Tourón e Parada

A veciñanza do pobo caldelán de Barbudo e o alcalde, Andrés Díaz, xuntáronse para protestar diante da multinacional Telefónica, que leva tres meses e medio cobrando os recibos de telefonía fixa e ADSL sen dar liña. Unha situación que tamén se está a producir noutros lugares do municipio, especialmente en A Insua, Tourón e Parada, trala vaga de lumes do pasado 15 de outubro.

Os veciños de Barbudo relataron ao alcalde que están fartos de chamar ao teléfono 1002, de avarías, e 1004, de atención ao cliente. Lonxe de atender as queixas por cobrar un servizo que non se está a dar, reciben con indignación explicacións como que “non consta que Barbudo estea entre as zonas afectadas polos incendios”. Unha indignación que rebule aínda máis cando non logran pasar do contestador automático ou cando o persoal de atención ao cliente aproveita as chamadas para facer ofertas sobre produtos e paquetes da multinacional.

Andrés Díaz subliñou que en Barbudo reside moita xente maior e hai varias persoas con servizo de teleasistencia que quedaron desconectadas e agora só contan co apoio que os propios veciños poidan darse entre si, no caso dalgunha incidencia ou emerxencia.

“Paréceme moi grave o que está a facer Telefónica”, afirma o rexidor caldelán, “eu falei co director rexional despois dos incendios e comprometeuse a non pasar os recibos nas zonas onde o lume destruíu o cableado ata reparar a infraestrutura, pero agora, que xa pasou un tempo máis que prudencial, decidiu agocharse e non llo imos consentir”.

Acompañado dun numeroso grupo de afectados, o alcalde comprobou persoalmente que os cables e postes danados o pasado 15 de outubro seguen calcinados, sen que se tivera reposto nada. “Por aquí non viu ninguén de Telefónica e dentro de nada van catro meses”, lamentan en Barbudo.

O alcalde, en nome do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG), comprende que tralos lumes haxa moito traballo repoñendo as liñas nos municipios afectados, cousa que, de feito se está facendo nalgúns lugares de Ponte Caldelas, tirando cable, de momento polo chan, “pero outra cousa é que lle estean cobrando á xente por un servizo de teléfono ou de ADSL que non se presta e que, ademais, non se atendan as súas xustas reclamacións”.

A veciñanza de Barbudo pon tamén de relevancia que no pobo hai fortes vínculos coa emigración e agora só poden comunicarse cos seus familiares no estranxeiro por teléfono móvil, o que carrexa un gasto maior que o da telefonía fixa e moitisimo maior que o das novas fórmulas de comunicación a través da Rede.

Os veciños e veciñas afectados explican que pagan a Telefónica cotas que van dos 30 euros a preto duns 100 euros ao mes, en función do que cada quen ten contratado, polo que esixen a devolución inmediata duns cartos que non se lles tiñan que ter cargado en conta.

Algúns presentaron xa queixas diante do Servizo Galego de Consumo, pero tampouco alí atoparon moita axuda. “O que nos dixeron é que teñen moreas de reclamacións contra as compañías de telefonía e que xa veremos, así que tampouco nos deron moitas esperanzas”. Diante desta situación optaron por pedir axuda ao Concello de Ponte Caldelas. O alcalde comprometeuse a poñer o asunto nas mans dos servizos xurídicos municipais se Telefónica non resolve o problema de xeito inmediato. “Son contratos privados con empresas de servizos”, recalcou, “pero estudaremos o xeito de involucrarnos nun asunto tan sensible e tan inxusto”.

Andrés Díaz explica que lle consta que na Insua o servizo quedou restablecido o pasado día 21, polo momento con cables provisionalmente tendidos polo chan, pero as queixas da veciñanza polos tres meses e medio facturados sen recibir servizo tamén están sen atender, ao igual que no resto dos pobos afectados.

A indignación agromou de tal xeito que a veciñanza de Barbudo advirte de que as compañías de telecomunicacións que teñen instaladas antenas repetidoras no alto do monte da Penarada van ter serios problemas para renovar os seus contratos, que vencen en pouco tempo.

 

Deja un comentario