+034 986 09 02 04 Xoves 24 de Maio de 2018

PONTE CALDELAS PÍDELLE Á CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS QUE COMPLETE ESTE ANO AS NECESARIAS OBRAS DA PO-234


O alcalde participa na visita á primeira fase, entre Augasantas e Portasouto, e mantén a oferta de pagarlle á Xunta as expropiacións

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, participou nunha visita ás obras da estrada PO-234, que se están a realizar entre Augasantas (Cerdedo-Cotobade) e Portasouto (Ponte Caldelas), realizada pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

En nome de todo o Goberno local de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) agradeceu o comezo desta actuación, que abrangue case 800 metros dentro do termo municipal de Ponte Caldelas, pero reclamou que a actuación teña continuidade cos dous tramos que faltan, situados integramente, no termo municipal caldelán.

O alcalde lembrou que Ponte Caldelas puxo sobre a mesa o compromiso de sufragar as expropiacións (que teñen unha contía duns 38.000 euros) converténdose así no primeiro concello que vai asinar un convenio polo que cofinancia o arranxo integral dunha estrada autonómica. Quedan así salvadas as esixencias da Xunta de Galicia sobre a posta a disposición dos terreos, toda vez que a relación inicial de bens e dereitos afectados que se lle proporcionou ao Concello incluía 77 fincas e a relación final foi corrixida, ao detectarse numerosos erros, ascendendo a un total de 99 fincas.

Díaz explicou que, salvadas estas diferencias, o compromiso inicial da Consellería era licitar e adxudicar o ano pasado, “pero entendemos que poda haber algún atraso durante a tramitación, así que se se fai este ano estaremos satisfeitos”.

O importante é que nos poñamos de acordo para colaborar entre institucións, remachou. O Concello de Ponte Caldelas segue disposto a pagar as expropiacións e cofinanciar así esta obra, porque pon a seguridade viaria dos seus veciños por enriba de calquera outra consideración ou discusión sobre competencias entre Administracións.

As obras visitadas hoxe consisten nunha pequena mellora no trazado, que pasará a contar con carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 50 centímetros. Está adxudicado cun importe de 523.000 euros e supón unha mellora na accesibilidade ao núcleo de Portasouto. Non obstante, a principal densidade de poboación está en Laxoso, onde a estrada resulta moi curva e perigosa, polo que o Concello caldelán vén defendendo dende hai tempo a necesidade de estender as obras á totalidade dos case 7 Km desta estrada autonómica.

Deja un comentario