+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

PONTE CALDELAS CELEBRA A FEIRA DE OPORTUNIDADES ENTRE O 3 E O 4 DE MARZO


A Mesa Local de Comercio celebra a coincidencia coa proba “Caldelas Aventura”e agarda unha gran afluencia de público

Os comerciantes de Ponte Caldelas,  liderados pola asociación Coempo, poñerán á venda ofertas moi ventaxosas na Feira de Oportunidades, que se celebrará no Pabillón Municipal durante a fin de semana dos días 3 e  4 de marzo próximos.

A Mesa Local de Comercio celebrouse onte no Concello, presidida polo alcalde, Andrés Díaz, e con asistencia do presidente dos comerciantes, Suso Peleteiro, técnicos municipais e a representante  da Xunta de Galicia, Rosa María Rivas.

A Feira de Oportunidades contará cun total de 27 postos, dos que 25 son do municipio e só 2 de fóra. Os productos a exponer son de diferentes sectores: téxtil, alimentación en xeral, mobiliario, floristería, zapatería, complementos, maquinaria, calefacción, librería, droguería, caza e pesca, entre outros.

A novidade chega coa instalación de stands exteriores de vehículos de ocasión, a cargo dos negocios de compra-venda do municipio, pero esta opción só se concretará se as condicións meteorolóxicas o permiten. Recupérase así unha exposición que se fixo hai cinco anos e que se abandonou polo mal tempo. De feito, a feira atrásase este ano un mes pasando de comezos de febreiro a comezos de marzo, unha aposta coa que se confía en acadar unha gran afluencia de público.

Durante a xuntanza o alcalde comunicou que o 4 de marzo Ponte Caldelas celebrará tamén unha actividade multiaventura para toda a familia.  Trátase dun circuíto de actividades de todo tipo para realizar en grupos e que se enmarca dentro das actuacións solidarias impulsadas dende o Concello para recadar fondos a prol dos damnificados polos incendios do 15 de outubro. A inscrición para esta actividade, bautizada como Caldelas Aventura, aínda está aberta e pódese realizar no sitio web www.galaicaventura.com.

A Mesa Local de Comercio aplaudiu esta iniciativa,  pois traerá xente ese domingo á vila e axudará a completar o público da Feira de Oportunidades. Tanto é así que decidiuse situar dentro do Pabillón unha das actividades de aventura, coincidindo coa propia feira.

Máis aínda cando Caldelas  Aventura, que se celebrará entre as  11 e as 16 horas, inclúe tamén sorteo de agasallos para os participantes, polo que se considera como idóneo aproveitar ambas actividades, perfectamente complementarias, para tratar de enlazalas.

Deja un comentario