+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

O CONCELLO DE BUEU PON EN MARCHA OS CERTAMES EDUCATIVOS DO 8 DE MARZO


Este ano o alumnado dos centros educativos da vila poderá concorrer en dous concursos: literario e de ilustración, ámbolos dous para sensibilizar sobre a igualdade no traballo

O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o 28 de febreiro, e os premios entregaranse nun acto con motivo do Día Internacional da Muller

A concellaría de igualdade de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero Pastoriza, xa está traballando na programación especial para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no que ten un papel salientable o alumnado dos centros educativos da vila, tal e como se vén facendo ano tras ano. De aí que se veñan de convocar dous concursos sobre a temática da igualdade no traballo dirixido aos máis novos.

Este ano, por vez primeira, ponse en marcha o I Concurso Literario Xuvenil, no que está aberta a participación a todos os alumnos e alumnas do último ciclo de primaria e de secundaria. A modalidade literaria poderá ser microrrelato, poesía ou a realización dun traballo biográfico sobre unha muller feminista e a súa vida, obra e momento histórico social e cultural no que viviu.

Así mesmo, este ano continúa a convocatoria do XII Concurso de Viñeta e Ilustración, sobre a mesma temática, no que poderán participar todos os alumnos do último ciclo de primaria e secundaria dos centros do Concello de Bueu.

En ambos certames, outorgaranse tres premios consistentes nun robot educativo. No caso do literario, haberá un primeiro premio para primaria, outro para o alumnado de entre 1º e 4º da ESO e outro para grupos. No caso do de viñeta, os premios divídense en 1º premio para primaria, e dous primeiros premios para ESO.

O obxectivo destes certames é sensibilizar ao alumnado sobre a situación laboral das mulleres e a (des)igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no traballo. Os traballos que concorran deberán presentarse nas dependencias do CIM (r/ Eduardo Vincenti 28-B), de luns a venres en horario de 8.00 a 14.30 horas.

As bases xa están dispoñibles na web municipal www.concellodebueu.org.

Deja un comentario