+034 986 09 02 04 Mércores 22 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA APROBA MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS PARA O PLAN DE COFINANCIAMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS NOS CONCELLOS DA PROVINCIA


Carmela Silva resaltou que “é a maior contía destinada ata o momento ao Servizo de Axuda no Fogar básico e ao persoal dos concellos de menos de 20.000 habitantes”

 A presidenta instou ao concello de Valga a que “ante a sentencia xudicial favorable á Deputación sobre os servicios comunitarios específicos, ten que esixir á Xunta de Galicia que cumpra dunha vez coas súas competencias”

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais dos Concellos de menos de 20.000 habitantes para o ano 2018. Nesta convocatoria póñense a disposición dos Concellos da provincia 2.305.113,33 €, 90.078,00€ máis que no ano anterior. Polo tanto, tal e como sinalou Carmela Silva, “estamos a falar da maior contía ata o momento destinada ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico e ao persoal dos Concellos de menos de 20.000 habitantes.”

Na mesma rolda de prensa, Carmela Silva recordou que a xustiza deu esta semana a razón á Deputación de Pontevedra desestimando o recurso interposto polo concello de Valga sobre o financiamento do servizos comunitarios específicos. Sobres esta tema, a presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que “a sentenza da xuíza di con toda claridade que a única competencia que teñen as deputacións para as prestacións de políticas sociais son as que teñen que ver cos servizos básicos, non os comunitarios específicos, que son competencia da Xunta de Galicia.”Silva aproveitou para recordar que “cando o concello de Valga presentou este recurso, se comprometeron que se a xustiza dicía que a competente é a Xunta, tal e como recollen as leis e o Estatuto de Autonomía, ían a esixirlle o cumprimento das súas responsabilidades. Polo tanto, espero que o concello de Valga e os deputados provinciais do Partido Popular sexan rigorosos e acudan agora a Xunta de Galicia e presenten alí a mesma moción que presentaron na Deputación de Pontevedra.”

A presidenta tamén lembrou que “aquí houbo unha moción na que o Partido Popular trouxo a persoas maiores dependentes a manifestarse e agora a xente xa sabe que quen está a incumprir coas súas obrigas é a Xunta de Galicia.”Por último, Carmela Silva lembrou que “co anterior Goberno, esta financiación só se facía para Valga e Meaño, de forma totalmente discriminatoria xa que o resto dos concellos de 20.000 habitantes non tiñan recursos para cubrir os servizos.”

En relación ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, Silva recordou que “na convocatoria do ano 2017 pasouse a financiar a aqueles Concellos que ata ese momento non contaban con ningún financiamento de persoal deste organismo provincial e neste esforzo continuo por mellorar a calidade e eficacia dos servizos sociais comunitarios municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes, este ano 2018, pasase a financiar a todos os concellos que ata este momento non contaban cun técnico ou técnica media.” Deste modo, os concellos da Lama, Fornelos de Montes, Mondariz Balneario, Oia, Soutomaior, A Illa de Arousa, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón Moraña e Pazos de Borbén terán financiado este perfil profesional a media xornada durante o 2018. A presidenta recalcou que “con este Plan, gobernos de todas as cores políticas van a recibir recursos para así garantir máis equidade, máis dereitos e máis equilibrio entre os concellos da provincia de Pontevedra.”

Con este Plan de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, unha das misións é integrar o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade. Ao abeiro do Plan, Carmela Silva apuntou que “co Servizo de Axuda no Fogar adxudicamos 1.226.111,33€ co que atendemos a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con diversidade funcional, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato .” A Presidenta tamén sinalou que “o perfil destas persoas usuarias e principalmente unha muller, maior de 70 anos, coas limitacións propias da idade e que precisa apoio para realizar algunha das tarefas e actividades da vida diaria.”

Máis polo miúdo, co Plan deste ano 2018  a comarca daParadanta recibirá un total de 147.012,44 euros, que se repartirán entre as vilas de Arbo (44.552,06 €), A Cañiza (44.287,5 €), Covelo (32.335,5 €) e Crecente (25.837,38 €).

O Condado recibirá 153.913,7  euros, que se repartirán entre Mondariz (52.027 €), Mondariz-Balneario (22.697,2 €), As Neves (26.666,5 €), e Salvaterra do Miño (52.523 €).

O Baixo Miño, 225.480,15 euros, que se repartirán entre A Guarda (59.866,12 €), Oia (25.541,24 €), O Rosal (27.847,29), Tomiño (59.042 €) e Tui (53.183,5 €).

O Val Miñor, 168.670 euros, que se repartirán entre Baiona (51.106 €), Gondomar (55.050 €) e Nigrán (62.514 €).

A comarca do Deza recibirá 217.361,68 euros, que se repartirán entre Agolada  (46.581,06 €), Dozón (37.814,98 €), Rodeiro (22.832,32 €), Silleda (60.847,71 €) e Vila de Cruces (49.285,61 €).

Tabeirós – Terra de Montes, 105.530,21 euros, que se repartirán entre Cerdedo-Cotobade (55.482,57 €) e Forcarei (50.047,64 €).

A comarca de Vigo recibe 269.838,69 euros, que se repartirán entre Fornelo de Montes (22.343,4 €), Mos (65.851,24 €), O Porriño (67.907 €), Pazos de Borbén (24.094,05 €), Salceda de Caselas (59.434 €) e Soutomaior (30.209 €).

O Morrazo recibe 132.457 euros, que se repartirán entre Bueu (51.786 €), e Moaña (80.671 €).

O Salnés recibe 489.519,26 euros, que se repartirán entre Cambados (54.130 €), Catoira (21.337 €), O Grove (59.220,79 €), A Illa de Arousa (28.521 €), Meaño (55.042 €), Meis (31.224,86 €), Pontecesures (21.666,5 €), Ribadumia (29.296,63 €), Sanxenxo (62.202 €), Valga (43.939 €), e Vilanova de Arousa (82.939,48 €).

E por último, a comarca de Pontevedra recibe 395.329,7 euros, que se repartirán entre Barro (39.097,77 €), Caldas (50.907 €),  Campo Lameiro (23.275,79 €), Cuntis (37.469 €), A Lama (37.293,14 €), Moraña (23.577 €), Poio (92.120 €), Ponte Caldelas (40.917 €), Portas (29.806,5 €) e Vilaboa (20.866,5 €)

Deja un comentario