+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN APROBA O CONVENIO CON SOUTOMAIOR PARA MELLORAR O ACCESO PEONIL AO NOVO INSTITUTO


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia que a institución provincial pagará o 70% da obra e o Concello o 30% dun orzamento de 176.191,46 euros

A intención é que a obra estea finalizada antes do inicio do vindeiro curso

A Deputación de Pontevedra está a cumprir os pasos administrativos para facer realidade o novo acceso peonil ao futuro instituto de Soutomaior na estrada provincial EP-2908. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio que deberán asinar a institución provincial e o Concello de Soutomaior para a súa construción, e que marca que a as arcas provinciais aportarán o 70% e o goberno local o 30% do orzamento total de 176.191,46 euros.

A actuación de mellora na estrada provincial será executada polo departamento de Mobilidade que dirixe o deputado Uxío Benítez e foi impulsada ao coincidir coa filosofía de mellorar a seguranza viaria e facilitar os tránsitos peonís nas estradas provinciais en contornas e centros de actividade nos que existen equipamentos de moita afluencia para a veciñanza. Segundo dixo o deputado, a mellora de contornas escolares,en concreto, desenvolve a idea de FrancescoTonucci de que “un espazo seguro para os nenos e as nenas é seguro para todos os demais cidadáns”. Neste caso, a nova vía dará servizo directo aos 480 novos alumnos e alumnas do IES de Soutomaior.

Segundo o deputado, as obras do novo acceso ao instituto consistirán na construción dunha nova senda peonil de 2,5 metros de largo na marxe dereita da estrada, que conectará o último treito de beirarrúa existente na vía co novo instituto de Soutomaior. Para garantir a seguranza viaria na zona tamén se instalarán elementos de calmado do tráfico na calzada –pasos de peóns sobreelevados-, mellorarase a iluminación con novos báculos ao longo dos 220 metros de percorrido. Por outra parte instalarase unha nova tubaxe e bombeo de saneamento para dar servizoao centro educativo, conectándoo co sistema xeral que hai no núcleo urbano en Arcade, unha actuación que tiña que afrontar o Concello de Soutomaior e que se asume neste proxecto.

Unha vez aprobado o convenio para a actuación no Pleno de Soutomaior nos últimos días e na Xunta de Goberno da Deputación do día de hoxe fixarase unha data nas vindeiras semanas para a sinatura do convenio. Xa que logo, iniciarase a tramitación para contratar as obras. Segundo os cálculos do deputado Benítez, se todos os trámites da licitación se realizan segundo o previsto,  poderase adxudicar a obra antes do verán para que estea finalizada antes do inicio do novo curso escolar 2018-2019, coa estrea do instituto.

Deja un comentario