+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018

O CONCELLO DE BUEU TERÁ UN ENTROIDO DIVERSO E DE RECUPERACIÓN DA TRADICIÓN


O Entroido de Bueu vén este ano ateigado de actividades para todos os públicos e cun obxectivo claro: recuperar a tradición. Así o salientou a concelleira de turismo, Silvia Carballo, durante a rolda de prensa celebrada este venres no que se desvelou o completo programa que incluirá eventos todos os días entre 9 e o 24 de febreiro, nos que se conta coa colaboración de moitos colectivos da vila, así como da Deputación de Pontevedra. Así mesmo, tamén se destaca a deslocalización de actividades, que se desenvolverán en diversos espazos, cunha maior presenza nas carpas sitas na Praza Massó e na Banda do Río. No acto de presentación estiveron presentes Daniel Chapela, da Axencia de Lectura de Meiro, Pablo Portela, en representación do Bueu Atlético Balonmán e da Asociación de Veciños de Meiro, Óscar Veiga, presidente da Asociación Veciñal da Banda do Río, e Rodrigo Otero e Borja Fernández, da comparsa Os Kantaclaro, e Seso Portela, de Os Mulos.

Do 9 ao 18 de febreiro, e tal e como vén sendo habitual, poderase ver no Centro Social do Mar unha exposición dos carteis que se presentaron ao concurso de carteis do Entroido, e cuxo gañador/a se decidirá na vindeira semana. O mesmo día 9 é a quenda dos desfiles dos centros educativos, que este ano conta coa novidade de que participan os colexios de A Pedra, Torre de Cela, e CPR Virxe Milagrosa. Xa pola tarde, a ANPA Cabo Udra do CEIP Montemogos organiza no pavillón de Beluso unha festa infantil de Entroido, con animación, maxia e inchables para os máis pequenos/as.

O sábado 10 de febreiro será un día ateigado de actividades para todos os públicos. Ás 13 horas comeza a sesión vermú coa actuación das comparsas na carpa da Banda do Río, actividade que terá lugar tamén os días 11,17 e 18, nos que se poderán ver ás diversas murgas da vila: Os Mulos, Os Kantaclaro, Vou nun bou, Os do pinsel e As Faltriqueiras. Ás 11 da mañá, a Axencia de Lectura de Meiro acollerá un obradoiro de máscaras co ilustrador local Marc Taeger. Xa pola tarde, entre as 17 e as 20 horas, a carpa da Praza Massó acollerá unha festa infantil na que haberá un concurso de disfraces. E no Centro Social do Mar, o Club de Xubilados e pensionistas Vila de Bueu organiza un concurso gastronómico a partir das 17 horas.  Na Banda do Río, a Asociación de Veciños da Banda do Río organiza o pasarrúas “Rumbanda do Río”, que sairá da carpa ás 16 horas, e no que participarán varias agrupacións.

Pola noite, a partir das 21.00 horas, celebrarase unha das actividades estrela: o baile e premios de disfraces “Sala Paraíso” na carpa da Banda do Río. Aquí farase un recoñecemento e homenaxe especial aos fundadores da Sala Paraíso que tiveron un papel moi importante no Entroido da vila bueuesa. Os premios consistirán en vales para gastar nos comercios locais adheridos á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO).

O 11 de febreiro, ás 19 horas, o Club de Xubilados Vila de Bueu organiza un baile de disfraces para xubilados e pensionistas no Centro Social do Mar.

O 12, 13 e 14 de febreiro, na carpa da Praza Massó, a rapazada de entre 4 e 12 anos poderá participar nos obradoiros de Entroido, nos que realizarán diversas actividades arredor desta data.

O 13 de febreiro, a Asociación de Veciños A Morada terá a súa tradicional Filloada, na carpa da Morada, xunto á Casa da Aldea. Membros da asociación comezarán a elaborar as filloas ás catro e a partir das seis poderanse degustar, finalizando coa actuación das comparsas.

O 14 de febreiro a partir das 17.00 horas, sairá o desfile do Enterriño da Sardiña polas rúas da vila, e se entregarán os premios na Praza Massó, onde tamén se queimará a Sardiña.

O 16 de febreiro, a Axencia de Lectura de Meiro organiza na Praza Massó unha festa infantil de vascalleiros, na que se buscará recuperar eses disfraces con roupas vellas. Como novidade, xa se pode salientar que colaborarán varios locais da vila, aos que poderá acudir a rapazada para degustar chulas.

Ese mesmo día, a partir das 21.00 horas, o Bueu Atlético Balonmán celebra o XXXVII Festival de Comparsas no Centro Social do Mar, que terá ademais dúas novas edicións (o 23 de febreiro na Casa do Pobo de Beluso e o 24 de febreiro de novo en Bueu).

O 17 de febreiro, a partir das 16.00 horas hai un concurso gastronómico de Entroido na carpa da Banda do Río, organizado pola Asociación veciñal. Ás 20.00 horas, pasarrúas e actuación da Asociación de Percusionistas Aperta, que se organiza entre o Concello de Bueu e a hostalaría do barrio.

O 18 de febreiro ás 17.00 horas terá lugar o desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, con posterior queima do paxaro na praia da Banda do Río e entrega de premios na carpa. E pola noite, verbena de disfraces na mesma carpa ás 21.00 horas co grupo Los tres latinos.

Deja un comentario