+034 986 09 02 04 Xoves 24 de Maio de 2018

O POBO DE BARBUDO COMEZA A RECUPERAR A LIÑA TELEFÓNICA DESPOIS DA SÚA PROTESTA COLECTIVA


O alcalde valora a pronta resposta de Telefónica, pero advirte que segue habendo moitos aboados sen servizo en distintos lugares e que deben devolverse as facturas cobradas indebidamente

O pobo de Barbudo, en Ponte Caldelas, comezou hoxe a recobrar a liña telefónica. Os primeiros aboados recuperaron xa o servizo e a situación quedará completamente normalizada en breve. A nova foi acollida con satisfacción por unha veciñanza que esta semana, farta dunha espera de tres meses e medio, protagonizou unha protesta colectiva co acompañamento do alcalde, Andrés Díaz.

Os operarios dunha empresa especializada apareceron na tarde de onte e hoxe comezaron a repoñer a liña nas primeiras casas. O alcalde, que hoxe estivo acompañando novamente aos veciños, aproveitou para informarse dos plans de reposición do tendido.

Andrés Díaz, en nome de todo o equipo de Goberno tripartito de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) advirte de que segue habendo problemas  en pobos como Tourón, Parada, A Insua, Regodobargo e Silvoso e hoxe mesmo coñeceu o caso duns aboados que tamén están sen teléfono en Pazos. Por todo elo, insta a Telefónica a solucionar canto antes o problema porque, en caso contrario, o Concello estudará iniciar accións legais en representación dos afectados.

Subliña que as persoas máis afectadas son os maiores, que teñen dificultades para arreglarse cos móviles. Hai casos de persoas que quedaron sen teleasistencia e outros de anciáns que están preocupados por se lle cambiaron citas médicas que tiñan programadas para estes días.

Por outra banda, insta á compañía telefónica a axilizar as reclamacións dos afectados, aos que Telefónica e Movistar facturaron durante estes tres meses e medio con total normalidade. Os aboados insisten en que devolver os recibos supón un risco engadido de inclusión en listaxes de morosos e seguen a queixarse das deficiencias na atención que reciben nos números de averías e atención ao cliente.

Os incendios forestais do pasado 15 de outubro, cunha forte incidencia en Ponte Caldelas, destrozaron as liñas de comunicacións de varias parroquias e, a día de hoxe, Telefónica continúa sen recuperar completamente a normalidade do servizo. O alcalde está especialmente molesto porque trala vaga de lumes falou co director rexional da compañía que se comprometeu a recuperar a rede canto antes e a non facturar mentres tanto aos afectados.

Deja un comentario