+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN SACA A CONTRATACIÓN AS OBRAS DE MELLORA DA RÚA JOSÉ DEL RÍO EN MARÍN


O deputado Uxío Benítez explica que os traballos poderían estar rematados no outono deste ano

As obras para renovar a rúa José del Río en Marín están un paso máis preto. O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vén de anunciar oficialmente a licitación da obra de ‘Proxecto de mellora da urbanización da Rúa Alcalde José del Río. Treito 1’ esta semana no Boletín Oficial da Provincia, establecendo un orzamento de 240.584 euros.

O prazo de presentación de ofertas, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, finalizará o 26 de febreiro, e as propostas das construtoras terán que ser analizadas tecnicamente valorando o programa e equipo de traballo (15 puntos), o plan de control de calidade (15 puntos), a memoria de traballo (10 puntos), e o plan de actuación ambientais (9 puntos). As empresas que acaden un mínimo de 20 puntos na parte anterior pasarán á valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 51 puntos. Unha vez estudiados todos estes criterios, realizarase unha proposta de adxudicación, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno. A partir de aí formalizarase o contrato e presentarase a acta de replantexamento da obra.

O prazo de execución dos traballos está fixado en tres meses polo que, se a tramitación administrativa non se complica e a climatoloxía o permite, a actuación podería estar finalizada, segundo asegura o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, no outono deste ano.

A mellora de José del Río foi obxecto dun convenio entre a Deputación e o Concello de Marín que tivo que ser renovado recentemente para manter a súa vixencia. Nel establécese que  a obra será financiada con fondos provinciais integramente, dos que a Deputación aporta  directamente 120.548 euros o 51%) e o Concello de Marín outros 120.000 obtidos do PPOS-15 da institución provincial (o 49%).

Segundo explicou o deputado Benítez, o proxecto desta actuación tivo que ser reformado para adaptarse aos novos criterios provinciais para o tratamento de estradas e urbanizacións. Agora, as novas beirarrúas terán 2,5 metros de largo e construirase unha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda sobre o río.

Así mesmo, renovarase o saneamento  para evitar verquidos no colector do río Lameira, que debe ser anulado no desvío de Ponte Zapal e continuará ata atopar o colector da Avenida do Exército e a Marina. Reconstruiranse as acometidas das vivendas conectadas á rede actual e instalarase unha rede nova de abastecemento de auga cun ramal por cada lado da rúa.

Con respecto ao alumeado, no proxecto apóstase por instalar luminarias eficientes para completar a calidade da urbanización. Ademais, haberá axardinamento con liquidámbar dispostos cada dúas prazas de aparcamento.

Deja un comentario