+034 986 09 02 04 Xoves 24 de Maio de 2018

“CALDELAS AVENTURA”, A PROBA MULTIAVENTURA PARA TODA A FAMILIA CHEGA XA ÁS 50 INSCRICIÓNS


O Concello e a empresa especializada Galaicaventura teñen xa perfilado o deseño dunha actividade que ocupará todo o centro urbano

Caldelas Aventura, o evento lúdico para toda a familia que se vai celebrar o próximo 4 de marzo en Ponte Caldelas, chegou xa aos 50 primeiros inscritos. O Concello e a empresa Galaicaventura continúan a traballar, man a man, no deseño dunha xornada na que a diversión é obrigada e a competición entre os participantes, prohibida.

A actividade, que ten un custo de inscrición de só 5 euros (un prezo moito máis baixo do que adoitan este tipo de probas), ten tamén carácter solidario. Toda a recadación irá a parar aos damnificados polos incendios forestais. A inscrición debe realizarse en grupos de 4 persoas, pero tamén é posible facela individualmente, porque todas as persoas serán asignadas a un grupo.

Para formalizar a inscrición basta con encher o formulario na dirección webhttp://www.galaicaventura.com/actividades/caldelas-aventura-6267.html. A xornada de Caldelas Aventura, que se celebrará entre as 11 e as 16 horas, está limitada a un máximo de 260 persoas, é dicir, 65 equipos, polo que convén ir reservando praza para evitar problemas de última hora.

Dende a empresa Galaicaventura subliñan que trátase dunha proba multiaventura, non unha carreira de orientación ao uso. É unha actividade pensada para pasalo ben e que non esixe ningún tipo de condición física. Máis aínda, non ten carácter competitivo e aínda que haberá unha clasificación final, esta non dará dereito a ningún premio, porque todos os premios serán sorteados entre os participantes.

Caldelas Aventura consistirá en diversas estacións de actividades para ir superando diversas probas. Ademais colocaransebalizas de selado polas que terán que ir pasando os participantes. Toda a montaxe estará situada no centro urbano de Ponte Caldelas e hai tempo máis que suficiente para completar todas as probas. As persoas participantes disporán dun plano para ir localizando estes lugares e ir sumando puntos. Entre as distintas probas que se van instalar figuran rocódromos, cordas de equilibrios, unha tirolina, tiro con arco, etcétera, sumando diferentes puntuacións, en función da dificultade. Nas balizas, o premio será menor.

O Concello e a empresa organizadora subliñan que trátase dunha proba idónea para facer en familia. Está deseñada para a diversión, non é necesario correr, e ademais, as probas e actividades son sempre opcionais. Ademais, haberá sorpresas que non se anunciarán ata o mesmo día.

Deja un comentario