+034 986 09 02 04 Xoves 24 de Maio de 2018

VILARCHÁN VOLVE XUNTAR, 38 ANOS DESPOIS, ÁS DÚAS IMAXES DA VIRXE DOS REMEDIOS


A chegada dun novo párroco permite poñer fin a un longo desencontro e recuperar unha antiga tradición popular

Vilarchán celebrou o reencontro entre as dúas imaxes da Virxe dos Remedios existentes no pobo, a da capela de San Miguel e a que é propiedade dunha coñecida familia. Unha xuntanza entre as virxes que se celebraba anualmente cunha misa o último domingo de xullo, coincidindo coas festas, pero que se truncou por decisión do anterior párroco hai 38 anos.

O novo sacerdote, que tomou posesión o pasado mes de novembro, tardou pouco en recuperar a normalidade e onte á noite oficiou unha misa que desbordou completamente o templo. Deste xeito, as dúas imaxes volveron xuntarse sen necesidade de agardar ás festas patronais. A decisión de Juan Manuel Fernández, que así se chama o sacerdote, foi acollida con gran satisfacción, ata o punto de que os asistentes aplaudiron ata en tres ocasións durante os oficios relixiosos.

Ao remate, toda a veciñanza xuntouse na Casa do Pobo para celebrar unha chocolatada con rosca para celebrar o remate dun malestar que se viña arrastrando dende 1980. A todos estes actos asistiron o alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro Manuel Barreiro en representación do Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG).

As dúas imaxes foron colocadas ao lado do altar e, ao remate, a “filipina” (así chamada porque chegou dende esas illas) volveu á casa da súa propietaria, Erundina Malvar. Moitos dos asistentes acudiron engalanados cun pano azul ao pescozo como mostra de alegría.

Erundina explicou que a Virxe dos Remedios foi enviada a Vilarchán en 1711 por uns frailes que emigraron a Filipinas, xunto cun camerino no que viña exposta e outros obxectos relixiosos. Todo o conxunto foi embarcado nunha expedición marítima que transportaba mercancías diversas procedentes da antiga colonia. Durante a travesía unha forte tempestade botou a pique a todos os navíos agás o que transportaba esta imaxe. Dende entón é moi venerada en Vilarchán.

A “filipina” está confeccionada en porcelana e conta con melena de pelo natural e manto branco. Ao pé está adornada por un coro de anxos. A imaxe, que pasou de xeración en xeración ata os nosos días, foi restaurada o ano pasado pola súa propietaria.

Dende a súa chegada instaurouse o costume de xuntala coa outra Virxe dos Remedios no día da festa de Vilarchán. A tradición mantívose ata que en 1980 o anterior párroco curtouna. A veciñanza chegou a protestar diante do Arcebispado de Santiago, que tomou a decisión de que a “filipina” presidira unha misa campestre coincidindo coas festas. Sen embargo, a xente non quedou satisfeita e creouse un sentimento de agravio.

A normalidade quedou totalmente restaurada onte, porque trala xubilación do anterior párroco chegou Juan Manuel, quen púxose inmediatamente a disposición da xente para recuperar unha tradición que nunca debeu perderse.

O párroco afirmou que está moi satisfeito de poder atender aos veciños de Vilarchán, cuxa capela, a de San Miguel, data de hai case un milleiro de anos. Conta que antigamente alí acudía xente de lugares moi afastados, polo que hai que darlle a importancia que ten, tanto como lugar de culto como de berce de tradicións como a das dúas Virxes.

Deja un comentario