+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

A SOLIDARIEDADE PERMITE A UNHA FAMILIA DE PARADA AFECTADA POLOS INCENDIOS RESTAURAR A SÚA CASA


Unha campaña iniciada por Berta Besada, “o anxo de Ponteareas”, involucrou ao Concello e a máis dunha ducia de empresas

A familia formada por José Ángel Soares, María Antonia Costas e os seus tres fillos, regresou onte, domingo, á súa pequena casa no lugar de Parada. A vivenda, que resultou gravemente afectada nos incendios do pasado 15 de outubro, foi completamente reformada gracias á iniciativa de Berta Besada, unha veciña solidaria de Ponteareas que puxo en marcha unha campaña de axuda.

Berta, acompañada do alcalde, Andrés Díaz, entregou onte as chaves e amosou os resultados dunhas obras, acometidas gracias á colaboración solidaria de máis dunha ducia de empresas e moitas persoas anónimas.

A vivenda, de só 67 metros cadrados, foi construída en 2003 en bloques e por dentro só contaba con divisións de “ladrillo” e piso de terra. Agora o seu aspecto cambiou notablemente. Nunha xornada moi emotiva, a parella comprobou que a casa quedou dotada de todos os acabados interiores, mobiliario novo e unha cociña completa. Os dormitorios, incluíndo camas, colchóns e almofadas son novos, e a entrada foi dotada dun pequeño porche. Os nenos, que gozan tamén dunha habitación a estrear, non puideron disimular a súa alegría.

Nas próximas xornadas, Berta Besada irá traendo os últimos mobles e tamén algúns xoguetes e obxectos de decoración que lle doaron na campaña solidaria que iniciou en novembro. Dende entón, explica, foi un auténtico bule-bule coordinando a recollida e colocación dos distintos materiais. Onte mesmo rematouse de pintar o exterior momentos antes da entrega.

Andrés Díaz destacou que todo o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) está moi agradecido a Berta e ás empresas do sur da provincia que colaboraron para facer posible esta actuación tan encomiable. Explicou que ao longo dos case tres meses que durou a restauración, a familia estivo aloxada, a petición do Concello, no antigo hostal A Garota e nun piso de propietarios particulares. A todos eles, exprésalles tamén o recoñecemento institucional.

O alcalde volveu destacar a importancia da solidariedade para levar axuda efectiva a quen o máis o necesita tralos lumes do 15-O. Andrés Díaz recalcou que a convoctoria oficial de axudas da Xunta de Galicia resultaba demasiado farragosa e restritiva, esquecendo que as persoas máis prexudicadas polo lume foron as máis humildes, sen capacidade para presentar documentación sobre a súa vivenda ou sobre pequenas explotacións agrarias ganeiras de subsistencia ou, como neste caso, sobre os tractores cos que ían gañando a vida.

José Ángel Soares afirmou estar sen palabras para expresar todo o agradecemento que sinte, especialmente polos seus fillos, e concluíu afirmando que onte foi un día moi feliz, un día no que un soño fíxose realidade. “Quen nolo ía dicir cando o 15 de outubro vivimos aquel inferno de lume e quedamos sen nada…”

Berta Besada explicou que chegou a Ponte Caldelas atraída polas novas nos medios de comunicación e nas Redes Sociais. Cando entrou na casa de Parada quedou sobrecollida pola súa humildade e o dano que fixeran os incendios. A familia perdeu os dous tractores cos que se gañaba a vida, o galpón das galiñas e tamén sufriu danos na fachada e nas ventás.

“Esa noite non durmín pensando que podía facer, así que ao día seguinte abrín unha páxina de Facebook, chamei ao alcalde e comecei a pedir cousas para ver se entre todos conseguiamos axudar a unha familia que o necesitaba de verdade”. Berta, que é propietaria dunha tenda de roupa, revela que ten un almacén cheo de obxectos que lle doaron e que irá transportando nos próximos días, entre eles xoguetes para os rapaces. Mesmo chegaron a doarlle un coche, pero decidiu non entregarllo a José Ángel porque non ten carné, cousa que el prometeu comezar a facer o mes próximo.

“É imposible explicar o moito que se involucrou algunha xente e o agradecida que estou”, recalca. Ao botar a vista atrás destaca que o máis difícil de todo foi sacar á parella e aos nenos da casa para que as obras puideran comezar e mantelos afastados para darlles a sorpresa final.

A historia rematou onte coa entrega da casa, un acto organizado con moita ilusión e ao que tamén asistiu toda a familia de Berta, así como algunhas das persoas e traballadores autónomos que colaboraron nas obras. A mañá rematoucun pincho e moitos brindes con champán e sidra dentro da casiña de Parada.

Berta Besada e o Concello de Ponte Caldelas agradecen a colaboración das seguintes empresas e persoas:

Construcciones Regino, que achegou material de construción; Akí Mos, unha cociña completa; Carpintaría Ñote e Madeiras Porriño, material de madeira para o falso teito; un veciño de Mos, que puxo as ventás; Carpintaría Teype (Salceda de Caselas), pola porta de entrada; outro veciño de Ponteareas que doou electrodomésticos; Decoracións Arlora (Salvaterra de Miño) que pintou o exterior; Dispaint Galicia, por doar a pintura; unha ONG de Lugo que puxo mobles; Yago e Álex, os fontaneiros; Materiais de Construción Miña Man, que puxo o necesario para o porche e Construcións Valiño (Salvaterra), polas planchas de pladur. A eles cómpre engadir a todas as boas persoas que axudaron con pequenas e grandes cousas, sen cuxa colaboración, esta historia tería sido imposible

Deja un comentario