+034 986 09 02 04 Luns 23 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVAENMARCA AS FESTAS DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL E INTERNACIONAL NA CAMPAÑA “SOMOS HISTORIAS” “PORQUE FALAN DA NOSA AUTENTICIDADE E TEÑEN UNHA GRANDE CAPACIDADE DE DESESTACIONALIZAR”


A presidenta anunciou que “este ano estas nove citas serán unha das claves da temporada turística de Rías Baixas para atraer a visitantes que cada vez buscan máis cultura, gastronomía de excelencia, paisaxe, natureza e as nosas historias”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, dos alcaldes de Arbo, Horacio Gil, do Grove, José Cacabelos, de Lalín, Rafael Cuíña, e de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, así como da tenente de alcaldía de Baiona, María Iglesias e da concelleira de Cultura e Turismo de Ponteareas, Hortensia Bautista, deron a coñecer esta mañá as festas de interese turístico nacional e internacional que se celebran ao longo do ano na provincia de Pontevedra. Así, hoxe foron protagonistas da promoción da Deputación de Pontevedra as festas de interese turístico internacional da Arribada de Baiona, o Corpus Christi de Ponteareas, a Rapa das Bestas de Sabucedo na Estrada e a RomeríaVikinga de Catoira así como as festas de interese turístico nacional do Cocido de Lalín, da Lamprea de Arbo, do Albariño de Cambados, da Auga de Vilagarcía de Arousa e do Marisco do Grove.

Silva destacou que “xuntos e xuntas somos máis fortes e dar unha imaxe de provincia é moi relevante para o conxunto deste territorio pero tamén para cada un dos concellos onde se celebran festas de interese turístico nacional e internacional que nos identifican, que falan da nosa autenticidade e teñen un valor moi importante para a atracción do turismo que queremos na provincia”.  Ao respecto, a presidenta da Deputación destacou que “queremos un turismo desestacionalizado e estas festas que hoxe promovemos desenvólvense ao longo de todo o ano, converténdose en elementos fundamentais para atraer a visitantes que cada vez buscan máis cultura, gastronomía de excelencia, paisaxe, natureza e as nosas historias”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recordou que “en FITUR presentábamos a nosa aposta deste ano co lema de “Somos historias”: historias que se foron construíndo ao longo do séculos e que hoxe seguen vivas en moitas das accións, en moitas das festas que se desenvolven nos 61 concellos da provincia”. E xunto a esta promoción, Silva tamén destacou que o Plan Estratéxico de Turismo, aprobado fai un mes, establece que “as festas son un produto estratéxico sobre o que é preciso facer fincapé e poñer en valor como marca singular, como eixo que debemos promover conxuntamente”.

Sobre as festas que se presentaron esta mañá, Silva destacou a súa capacidade para enxalzar a gastronomía da provincia de Pontevedra, “extraordinaria, secular, que se basea en que temos os mellores produtos do mundo, desde o porco, ata o ganado vacún, os mariscos, os peixes, a lamprea, ata os mellores viños do mundo”. E, xunto á gastronomía, a presidenta da Deputación tamén destacou que as festas recollen a cultura e historia ancestral da provincia de Pontevedra e a grande capacidade das veciñas e veciños da mesma. Neste eido, destacou a “fermosa arte efémera de Ponteareas”, así como “o fito extraordinario da chegada da carabela Pinta a Baiona coa nova do descubrimento de América”, a “Romaría Vikinga, que converte á Catoira e á provincia no corazón da cultura vikinga do mundo” e “a Rapa das Bestas de Sabucedo, fotografada polos mellores fotógrafos do mundo”.

Carmela Silva tivo tamén palabras para o compromiso da xente que se implica na organización destas festas. “Quero recordar a Juan Carlos Bugallo, falecido recentemente, un dos aloitadores máis recoñecidos que amais era a alma da festa, así como a toda a xente da nosa terra que co seu traballo e compromiso fan que o que somos nós de verdade, a nosa autenticidade, sega manténdose viva xeración tras xeración, século tras século”.

Os alcaldes e alcaldesas, así como representantes municipais das vilas nas que se celebran festas de interese turístico nacional e internacional tiveron a oportunidade de dar a coñecer as principais características das festas. Así, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, enxalzou a Feira do Cocido “a grande festa do inverno galego, que onte celebrou as súas bodas de ouro e na que estamos a traballar arreo para que axiña sexa declarada de interese turístico internacional”. Pola súa banda, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, deu a coñecer a Festa da Lamprea, que naceu no 1961 co obxectivo de “dar a coñecer a lamprea e a nosa gastronomía como un feito de relevancia económica”.

A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, puxo en valor a Festa do Albariño “a festa do viño máis antiga de Galicia e a segunda de toda España, que neste 2018 celebra a súa 66 edición e que congrega en Cambados a máis de 200.000 persoas, con rexistros de vendas de máis de 90.000 botellas nos últimos 5 anos”.

A festa de San Roque, a festa da auga de Vilagarcía, foi tamén protagonista desta presentación conxunta organizada pola Deputación de Pontevedra. Neste caso, o alcalde Alberto Varela puxo en valor o atractivo do evento, “que congrega a 40.000 persoas nas rúas da vila” e agradeceu á Deputación esta oportunidade de “sacar músculo, de dar conta de que Rías Baixas ten durante todo o ano milleiros de actividades para gozar da provincia”.

Pola súa banda, o alcalde do Grove, José Cacabelos destacou os máis de “55 anos da Festa do Marisco que naceu para potenciar os dous sectores máis importantes da vila: o mar e a hostelería”. Cacabelos puxo en valor o compromiso do concello coa Festa, á que destina o 6% do orzamento e que este ano vai presentar en Dublín.

No caso das festas de interese turístico internacional, a primeira en celebrarse é a Festa da Arribada de Baiona, entre o 2 e o 4 de marzo. Neste eido, a tenente de alcaldía de Baiona, María Iglesias, destacou que “a Arribada da conta da historia da chegada da Pinta a Baiona coa nova do descubrimento de América e, para elo, o concello programa desde actividades teatrais, ata mostras etnográficas, venda de produtos artesanais e gastronómicos, etc”.

Xunto con Baiona, tamén se presentou a Festa do Corpus Christi de Ponteareas na que, segundo a concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, “se enxalza a vista, o olfato e o tacto a través de alfombras florais cheas de arte efémero que se estenden ao longo dun quilómetro e supoñen case 5.000 metros cadrados de flores”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra agradeceu o compromiso dos alcaldes e alcaldesas da provincia, “que fan un traballo extraordinario e son moi conscientes da importancia do turismo como un sector moi produtivo para fomentar o crecemento económico, o emprego, apostando polo turismo de calidade e a excelencia”. Ao respecto Silva destacou que “non queremos masificar a provincia, queremos que o turismo sexa un sector produtivo de longo percorrido, de calidade porque isto é o que fará que sexamos capaces de seguir dicindo que vivimos nun paraíso e que o paraíso hai que coidalo para seguir tendo un turismo sustentable”.

Datos de ocupación hoteleira. Xaneiro 2018

Carmela Silva amosou a súa satisfacción polas actuacións promocionais desenvolvidas para dar a coñecer a provincia de Pontevedra. “Estamos indo no camiño correcto, non soamente promovendo o sol e a praia, que son produtos consolidados nos que tamén seguiremos traballando, senón dando a coñecer experiencias diferentes que se poden vivir na nosa provincia”.

A presidenta provincial deu a coñecer os datos relativos á ocupación hoteleira rexistrada en xaneiro de 2018 e que sitúan a porcentaxe no 32%, 4 puntos máis que o acadado en xaneiro de 2017. “O 2017 foi un ano récord, un ano excepcional en canto a número de visitantes e este 2018 está comezando mellor, con cifras superiores ás acadadas no 2017 e iso pese a ter en conta que o 30% dos hoteis estiveron pechados”, declarou Silva.

Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que a comarca do Deza e Tabeirós-Terra de Montes tivo unha ocupación do 50% (5 puntos máis que en xaneiro do 2017), Vigo do 46% (8 puntos máis que no 2017), Pontevedra do 32% (6 puntos máis), O Morrazo do 20% (8 puntos máis), Caldas do 20% e O Baixo Miño e O Condado e A Paradanta por riba do 17% (7 puntos máis que en xaneiro do 2017).

Pola súa banda, Carmela Silva tamén deu a coñecer o perfil dos visitantes que chegaron á provincia de Pontevedra en xaneiro deste ano. “Son maioritariamente españolas (80%) de Madrid, Barcelona, Granada, Badaxoz, Baleares e Cidade Real. En canto ás persoas que chegan do estranxeiro destacan as que proceden de Portugal, Arxentina, Brasil e Francia”.

A maioría das persoas visitantes teñen entre 35 e 60 anos (41%), en hoteis (70%) e durante 4-6 días e que acoden á nosa provincia motivados pola cultura e o ocio sendo os lugares máis visitados as comarcas de Vigo e Pontevedra e o concello do Grove. Amais, o 70% das persoas que nos visitaron non tiñan estado na provincia antes.

Deja un comentario