+034 986 09 02 04 Mércores 21 de Novembro de 2018

O CONCELLO DE PONTE CALDELAS SOLICITARÁ DA XUNTA A TRANSFERENCIA DO TRAMO DA VELLA PO-532 EN VILARCHÁN


O vial, que dá servizo a boa parte do pobo, non pode ser asfaltado porque segue pertencendo á Rede Autonómica de Estradas

O Goberno local tripartito de Ponte Caldelas (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) vaise dirixir á Consellería de Infraestruturas para pedir que se transfira ao Concello un tramo dun quilómetro correspondente ao vello trazado da estrada autonómica PO-532 ao seu paso por Vilarchán.

O alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro Manuel Barreiro, visitaron a vella estrada, agora rebautizada como PO-180 e pertencente á Rede Secundaria de estradas autonómicas. A día de hoxe funciona como a rúa que articula boa parte de Vilarchán, pero a falta de mantemento estase a converter nun problema e nunha incomodidade para a veciñanza.

O Concello mesmo tivo que proceder a reparar as fochancas que se van abrindo no deteriorado firme, pero a intención é acometer un asfaltado integral. Porén, ao non tratarse dunha vía autonómica, a aprobación do gasto resulta imposible.

Na comunicación que se vai remitir a Infraestruturas diante do abandono desta estrada, o Concello manifestará a súa intención de pavimentar completamente o tramo de un quilómetro que nace e morre na estrada comarcal. A estrada ten outros 550 metros máis ata o cruce de Mirón, pero esta parte xa non se considera prioritaria.

Os responsables municipais insistiron en que o habitual é que a Xunta de Galicia entregue os viais perfectamente pavimentados e urbanizados, pero, diante do deterioro que se está a producir na PO-180, o Concello está disposto a facerse cargo na situación actual. Unha vez integrada no patrimonio municipal, o Concello asumirá as competencias en materia de xestión, mantemento e disciplina viaria.

A remodelación completa da estrada principal, a PO-532, deixou varios sobrantes deste tipo en Ponte Caldelas. Mesmo a vía principal de Tourón pertencía a esta estrada autonómica e os seus 400 metros de lonxitude foron transferidos ao Concello no ano 2014, unha vez asfaltada e urbanizada pola Xunta de Galicia.

 

Deja un comentario