+034 986 09 02 04 Xoves 22 de Febreiro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA RECIBE A PERICO DELGADO NO PAZO PROVINCIAL CO GALLO DA PRESENTACIÓN DO EQUIPO DE CICLISMO SUPERMERCADOS FROIZ


A presidenta provincial enxalzou a figura de Perico Delgado, “un membro máis de todas as familias de España, que seguíamos as súas fazañas pola televisión”

 Perico Delgado agradeceu a contribución da Deputación de Pontevedra ao deporte e, en especial, ao ciclismo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ao vencedor do Tour de Francia e da Volta a España, Perico Delgado, con motivo da presentación do equipo de ciclismo do Supermercados Froiz. Silva amosouse orgullosa da presenza de Perico Delgado no Pazo Provincial “ por todas as alegrías que nos ten dado”, ao tempo que o ex ciclista agradeceu “o apoio ao deporte e, en especial, ao ciclismo da Deputación de Pontevedra”.

Carmela Silva puxo de manifesto a importancia do ciclismo para a provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, Silva enxalzou o papel do equipo de ciclismo Supermercados Froiz que este ano cumpre 30 anos de vida, os mesmos que cumpriu a vitoria de Perico Delgado no Tour de Francia.Esta dobre coincidencia levou a que o ex ciclista fose o padriño do equipo este ano e contar así coa súa presencia no acto de presentación do equipo.

A presidenta provincial recordou que “na miña casa todos víamos en familia as vitorias de Perico Delgado que amais de ser un gran ciclista, era xa un membro máis de todas as familias de España, que seguíamos as súas fazañas pola televisión”. Por estes motivos agradeceu a súa presencia na Deputación e o apadriñamento do equipo Supermercados Froiz “que vai quedar escrito con letras de ouro na provincia”.

Pola súa banda, o ex ciclista Perico Delgado amosou a súa satisfacción por atoparse na provincia de Pontevedra e asinou no libro de honra da Deputación escribindo “para mis amigos de la Diputación de Pontevedra, por suapoyo al deporte y, en especial, al ciclismo. Con afecto y por muchos años. Perico Delgado”.

Xunto a Perico Delgado, estaban tamén presentes na presentación do equipo de ciclismo Óscar Pereiro e Álvaro Pino: “un orgullo para a nosa provincia, que tan ben levaron o noso nome por todo o mundo”, subliñou Carmela Silva. Tamén tivo palabras a presidenta provincial para Evaristo Portela, sobre o que destacou que “precisamos moitos Evaristos Portelas no deporte, tan preocupado por inculcar valores e principios ao seu equipo, para que sexan boas persoas, amais do seu firme compromiso coa diversidade funcional”.

A presidenta da Deputación quixo agradecer o “firme compromiso social da empresa Supermercados Froiz”, personalizándoo na figura do seu fundador Magín Froiz, ao que felicitou pola aposta polo deporte e polos trinta anos patrocinando un equipo de ciclismo que leva conseguido, na súa traxectoria, 800 vitorias, 120 voltas, 18 campionatos de España, 24 autonómicos, 175 vitorias en clasificacións por equipos amais de ser, durante 7 anos consecutivos, o mellor equipo español de ciclismo.

Deja un comentario