+034 986 09 02 04 Venres 20 de Xullo de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

FACER COMPOSTAXE?PRETO DE 150 ESCOLARES DO CEIP CHANCELAS DE POIO VAN SER EXPERTOS E EXPERTAS


Persoal didáctico explica esta semana ao profesorado e a rapaces e rapazas como tirar aproveitamento do lixo orgánico ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación

O venres porase en marcha un composteiro para o uso do centro escolar

Que se pode botar no composteiro? Canto tempo pasa para producir o primeiro compost? Como vai cambiando o lixo orgánico ata convertirse nun fertilizante? É sinxelo controlar o proceso? Todas estas cuestións e moitas outras están a ser aprendidas por preto de 150 escolares do CEIP Chancelas de Poio grazas ás charlas e obradoiros que a Deputación está a realizar ao abeiro do Plan Revitaliza para explicar que é a compostaxe de maneira lúdica.

Varios técnicos de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), co que a Deputación ten un convenio de colaboración, están a traballar no colexio esta semana explicando a necesidade dunha xestión de residuos sustentable. No día de onte foron os profesores os que recibiron as charlas e hoxe tocoulle a quenda a 48 rapaces de primeiro e segundo de Primaria e a outros 97 de entre terceiro e sexto cursos. O venres será o momento dos máis pequenos e pequenas, de Educación Infantil, e tamén se porá en marcha un composteiro para tratar mediante compostaxe todo o lixo orgánico que se produce no centro, xa sexa de comidas ou de vexetais.

Os rapaces e rapazas de 1º e 2º participaron no xa famoso ‘Xogo da miñoca’, unha variación da moi coñecida Oca na que, formando equipos sentados no chan, resolven preguntas sobre como acadar un bo compost. Para os cursos máis adiantados de Primaria dirixiusea charla ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades co obxectivo deconcienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

IES Luís Seoane de Monte Porreiro

Como continuación ás charlas xa impartidas no IES Luis Seoane do barrio de Monte Porreiro do concello de Pontevedra, o alumnado fará no día de mañá unha visita ao centro de compostaxe comunitaria situado na rúa Italia. Alí mestres e mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación explicarán as diferencias entre facer compostaxe nun composteiro individual como o que xa está instalado no centro de ensino e facelo nun centro comunitario, onde as fases de maduración se van producindo nos diferentes módulos da instalación.

 

Deja un comentario