+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018

UNHA NOVA PINZA ENTRE PP E PSOE PON EN RISCO A SUBVENCIÓN QUE SUSTENTA O SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR EN SALCEDA


O Equipo de Goberno do Concello de Salceda (Movemento Salceda) lamenta o acontecido no Pleno Ordinario desta noite, onde unha nova alianza entre os grupos da oposición (PP e PSOE) impediu aprobar o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que permitiría o pago de 309.865,06 € a diferentes provedores do Concello de Salceda. De nada serviron as explicacións ofrecidas polo Concelleiro de Facenda, Jose Luis González, manifestando a existencia de máis de 1.200.000 € de liquidez para afrontar a totalidade do pago; PP e PSOE decidiron unha vez máis bloquear a acción de Goberno, prexudicando deste xeito a ducias de provedores de bens e servizos, aos que se lles imposibilita así o cobro das súas facturas pendentes.

A consecuencia máis grave desta nova pinza entre PP e PSOE é o risco de perder 89.818,3 € de subvención da Xunta de Galicia para o Plan Concertado, para facer fronte ó servizo de Axuda no Fogar, que atende actualmente a 36 persoas en situación de dependencia en Salceda de Caselas.

Denuncian dende Movemento Salceda a enorme irresponsabilidade dos grupos da oposición antepoñendo unha vez máis os seus intereses sobre os intereses das empresas e autónomos que traballan para o Concello de Salceda, e o que é máis grave, sobre os intereses dos propios veciños e veciñas. Así mesmo, o Equipo de Goberno quere deixar clara a súa condena á chantaxe de PP e PSOE, que esixiron poder votar facturas por separado, pretendendo así caer no surrealismo de decidir a que provedores se lles paga e a cales non. O esperpento máis grande viviuse cando, unha vez que o equipo de Goberno non aceptou a chantaxe dos grupos da oposición, estes abandonaron o Pleno, despois de votar en contra do REC.

O Recoñecemento Extraxudicial de Crédito é unha figura legal que permite ás empresas cobrar polos seus servizos sen ter que recurrir aos xulgados. Ante a pinza de PP e PSOE, os proveedores do Concello vense abocados a recurrir de novo á vía xudicial, tal como xa fixeran no 2016.

Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “Unha vez máis PP e PSOE veñen de demostrarnos a súa intención de bloqueo do Concello de Salceda, sen importarlle o máis mínimo poñer en risco a supervivencia de empresas e autónomos que prestaron os seus servizos para este Concello, ou a perda de subvencións de servizos fundamentais para a veciñanza.”

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Salceda pode estar segura de que conta cun  Goberno que, a pesar da actitude de bloqueo irresponsable da oposición, tira para adiante do Concello e traballa día a día con esforzo e determinación para solucionar os problemas dos veciños e veciñas“

Deja un comentario