+034 986 09 02 04 Xoves 13 de Decembro de 2018

A ALCALDESA DE CAMBADOS FÁTIMA ABAL RECIBE AO ACTOR ANTONIO RESINES CON MOTIVO DO SEU NOMEAMENTO COMO EMBAIXADOR DA FUNDACIÓN GALICIAME


Na cita estiveron peresentes a corporación do Concello ao completo e a presidenta da fundación da loita contra a Atrofia Medular Espinal en Galicia GALICIAME , Merchi Álvarez

A Alcaldesa de Cambados Fátima Abal recibiu ás 12.30 h deste mediodía, no Salón de Plenos do Concello de Cambados ao actor Antonio Resines. A visita do cántabro nada tiña que ver nesta ocasión cos seus logros no mundo cinematográfico senón que foi convidado para o seu nomeamento como Embaixador da Fundación GaliciAME xa que el tamén é colaborador nesta causa como padriño dun mozo madrileño chamado Álvaro que padece a enfermidade.

A Alcaldesa fixo de anfitrioa dun acto que contou coa presenza de todos os membros do grupo de goberno e , por suposto, de Merchi Álvarez , a principal promotora da causa e presidenta da Fundación GaliciAME á que a Alcaldesa quixo agradecer especialmente a súa inmensa labor neste campo, que leva a cabo sen descanso e de forma totalmente desinteresada.

A cambadesa Merchi Álvarez fundou a Asociación tras ser diagnosticada de AME e desde entón conseguiu grandes logros, como que Galicia fose a primeira Comunidade autónoma en dispensar un novo medicamento que melloraría a calidade de vida de moitos afectados por esta enfermidade que desgraciadamente ao ser catalogada dentro das chamadas “enfermidades raras”, non conta con demasiados apoios farmacéuticos nin de investigación. Ademais o fármaco en cuestión chamado Spinraza tería un custo anual moi elevado por paciente  , sendo o desacordo do Goberno español no seu prezo a principal causa de que aínda non estea comercializado no noso país.

Durante o acto aproveitouse tamén para presentar os actos municipais que terán lugar en Cambados o próximo 28 de Febreiro Día Mundial das Enfermidades Raras. A Alcaldesa adiantou que terá lugar a lectura dun manifesto, e que haberá unha solta de faroliños lembrando a todas as persoas que xa non se atopan entre nos por causa desta enfermidade.

Para pechar o nomeamento de Resines como Embaixador de GaliciAME, a alcaldesa fixo entrega ao actor da “ Folla de Prata” que é o máximo galardón da Cidade de Cambados, e tamén da “Lingua dourada”, que entregou a Presidenta da Fundación Merchi Álvarez , un galardón que fai referencia á única parte do corpo á que non afecta a Atrofia Muscular Espinal.

Deja un comentario