+034 986 09 02 04 Sábado 22 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O GOBERNO DE CARMELA SILVA CREA A MESA PROVINCIAL DO TURISMO COMO FERRAMENTA ESTRATÉXICA PARA O SECTOR PROVINCIAL


“A Mesa Provincial do Turismo será o punto de encontro das administracións públicas e privadas do sector para acordar accións que sirvan para poñer en valor ao turismo, sector que supón o 11% do PIB galego”, asegurou a presidenta provincial

 Na reunión abordáronse cuestións relativas ao funcionamento e constitución da Mesa así como aos indicadores de avaliación do Plan Estratéxico de Turismo, á campaña de promoción turística do 2018 e á posta en marcha da rede de oficinas da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presidiu esta mañá a creación da Mesa Provincial do Turismo. No acto estiveron presentes alcaldes e alcaldesas de municipios catalogados de interese turístico, entidades supramunicipais, representantes do sector privado e organizacións de formación turísitica.

Carmela Silva informou que “dentro do Plan Estratéxico de Turismo formulábase como liña estratéxica a creación dunha Mesa Provincial do Turismo na que se darían cita todas as administracións públicas e organizacións privadas para ir acordando accións para poñer en valor un sector, como é o turismo, que supón o 11% do PIB galego. Hoxe estamos aquí para constituír esta mesa e poñer en marcha o seu funcionamento”. Ao respecto a presidenta provincial deu a coñecer os principais puntos que recolle a proposta de regulamento do funcionamento interno da Mesa, cuxos integrantes teñen de prazo dez días para aportar suxestións de mellora.

Máis polo miúdo, segundo especifica a proposta de regulamento entregada esta mañá, ao longo do ano haberá dúas reunións que poderán ampliarse con convocatorias extraordinarias de precisarse. Nestes encontros, tal e como informou Silva, estudaranse as necesidades do sector, a posta en marcha de produtos turísticos orientados a desestacionalizar a demanda ou, entre outras cuestións, as accións de promoción a poñer en marcha.

A Mesa Provincial do Turismo estará integrada por 20 persoas. A presidenta da Deputación detallou “que a Mesa estará composta pola Presidenta da Deputación de Pontevedra e 3 representantes da institución provincial (o deputado delegado de Turismo, a xefa de servizo de Turismo e unha persoa de perfil técnico); 1 persoa en representación de Turismo de Galicia e outra da Secretaría de Turismo do Estado; 7 persoas pertencentes ao sector público da provincia e 1 de cada concellos que supere os 50.000 habitantes (Vigo e Pontevedra); tamén haberá dúas persoas en representación dos concellos de interese turístico da provincia e outra dos destinos adheridos ao SICTED; das entidades supramunicipais haberá dúas persoas (1 dos grupos de acción local participativa do sector pesqueiro e outra de entidades con funcións de xestión e promoción turística como poden ser as mancomunidades); amais, tamén se darán cita na Mesa tres representantes do ámbito académico (Máster de Turismo da Universidade de Vigo, CIPF Manuel Antonio e CIPF Carlos Orozoa), outra do Aeroporto de Vigo e tres do sector turístico privado (Clúster de Turismo, Feprohos e da Ruta do Viño)”.

Durante a reunión a Presidenta da Deputación explicou cuestións relativas aos indicadores de avaliación. Así, Silva detallou que “contamos con 57 indicadores de seguimento e 24 de resultado que permitirán avaliar todos os acordos que vaiamos poñer en marcha de aquí ata o 2020, límite temporal do Plan Estratéxico de Turismo”.

Xunto aos indicadores, durante a primeira reunión de constitución da Mesa do Turismo, tamén se abordou a campaña de promoción turística da provincia de Pontevedra ao longo do 2018. Neste eido, Silva informou que “afondaremos máis na campaña “Somos Historias” o vindeiro mércores, 28, ás 20.00 horas no Auditorio Mar de Vigo, onde daremos a coñecer cales son as liñas xerais de promoción este ano, a novidosa imaxe gráfica da campaña, as actuacións que imos desenvolver en Madrid (a onde iremos no mes de marzo), Barcelona, Bilbao Lisboa, Oporto, e tamén noutros puntos da Unión Europea que están comunicados directamente coa nosa provincia. Amais, tamén poremos enriba da mesa todas as accións de promoción en feiras de turismo nacional e internacional e da situación na que se atopan as empresas que teñen distintivos SICTED xa que a nosa provincia, con 263 empresas, é a provincia que ten máis distintivos”.

A última cuestión abordada na Mesa do Turismo celebrada esta mañá no Pazo Provincial fixo referencia á posta en marcha da rede de oficinas de turismo da provincia. Ao respecto, a presidenta da Deputación explicou que “no pasado pleno aprobamos a ordenanza da rede de oficinas Rías Baixas co obxectivo de impulsar un servizo de calidade, homoxéneo, adaptado ao século XXI, cunha estrutura estable e sólida”.  Silva tamén detallou que a través desta rede “traballaremos conxuntamente para acadar estatísticas fiables sobre o perfil da persoa turista que visita o noso destino, para coñecer o que demanda e a partir de aí elaborar a estratexia de promoción que dea resposta a esa demanda”.

Deja un comentario