+034 986 09 02 04 Xoves 13 de Decembro de 2018

A AXENCIA PARA A PROTECCIÓN DA LEGALIDADE URBANÍSTICA DÁ A COÑECER AS SÚAS NOVAS COMPETENCIAS E SERVIZOS ANTE 217 CONCELLOS


Celebrouse en Pontevedra a última das catro xornadas coas que a Aplu difundiu entre o municipalismo galego as principais novidades nas que traballa para mellorar o seu funcionamento e o actual abano de servizos que presta

Representantes dun total de 217 concellos galegos participaron desde xaneiro nas catro xornadas informativas coas que a Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) deu a coñecer as novas competencias municipais que asumirá ao longo deste ano, así como unha serie de servizos presenciais e online que tamén ten previsto poñer a disposición dos concellos adheridos.

Baixo o título Novos servizos e competencias da Aplu, a cuarta e última destas xornadas congregou esta mañá en Pontevedra a 68 persoas entre profesionais do urbanismo, alcaldes e técnicos municipais de 43 concellos da provincia, que coincidiron en valorar o esforzo da axencia para prestarlles asesoramento e cooperación en materia de disciplina urbanística.

Pola súa parte, o director da Aplu, José Antonio Cerdeira, explicou que unha das principais melloras nas que traballan pasa por asumir as competencias sobre as infraccións naquelas obras suxeitas a comunicación previa municipal e non só nas que requiran de licenza. Na actualidade, segundo explicou, os convenios de delegación de funcións dos concellos adheridos tan só contemplan a intervención da Aplu cando a obra está sometida a licenza.

Sen embargo, son as pequenas construcións, como muros de peche ou alpendres, as que xeran a gran maioría das infraccións nos concellos máis pequenos, precisamente os que máis necesitan do auxilio do organismo autonómico para poder exercer as súas competencias en materia de urbanismo. Neste sentido, Cerdeira explicou que a ampliación das competencias da Aplu responde a unha demanda dos propios concellos, que reclaman que esta poida asumir tamén a disciplina urbanística en todo tipo de obras e usos do solo.

Así mesmo, outra das novidades anunciadas no marco destas xornadas é a axilización dos trámites administrativos relacionados cos recursos de reposición. Nestes momentos, as entidades locais adheridas teñen atribuída a competencia para resolver estes recursos. A proposta da Aplu é asumir esta competencia, previo informe de conformidade do concello, co fin de axilizar e facilitar a xestión deste tipo de procedementos administrativos.

A delegación de todas estas competencias municipais, en todo caso, será voluntaria e requirirá dunha modificación dos convenios de adhesión subscritos entre cada concello e a Aplu, empezando polos de menos de 5.000 habitantes, ao ser estes os que dispoñen de menos recursos materiais e persoais.

Para rematar, Cerdeira explicou que, co fin de ofrecer un servizo e unha atención mellorados, os concellos integrados na Aplu verán incrementados en 2018 os seus ingresos en concepto de multas e sancións, xa que pasarán a percibir o 10% de todo o diñeiro que recade o organismo autonómico no seu termo municipal en aplicación tanto das competencias urbanísticas cedidas como das propias da axencia.

O ente autonómico tamén creará este ano un servizo de cooperación e asistencia municipal e estreará páxina web, incluíndo na mesma un novo espazo de atención específica para todas as entidades locais adheridas.

Dos 66 concellos adheridos á axencia na actualidade, 11 pertencen á provincia de Pontevedra. Sen embargo, a xornada de hoxe contou cunha representación provincial moito máis importante, xa que se inscribiron representantes de 43 municipios pontevedreses. Por este motivo, durante a súa intervención o director da Aplu emprazou aos alcaldes presentes a reflexionar e valorar a súa integración na axencia para, entre todos, sumar esforzos co obxectivo común de protexer o territorio.

Desde que o pasado 31 de xaneiro a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, inaugurou en A Coruña a primeira destas xornadas, máis de 300 alcaldes, concelleiros e técnicos da área de urbanismo de toda Galicia puideron coñecer de primeira man as novidades nas que traballa a Aplu para optimizar o seu funcionamento e ampliar o abano de servizos a disposición dos concellos que delegan nela parte das súas competencias.

Balance de 2017
O proceso de renovación e ampliación de competencias que afrontará a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en 2018 vén precedido dun ano con resultados excelentes. Así, en 2017 executáronse un total de 205 reposicións urbanísticas, unha cifra récord xa que foi a máis alta desde a posta en marcha da axencia no ano 2007.

Por outra banda, o organismo autonómico tamén resolveu 441 expedientes e realizou 1.256 inspeccións, un labor de prevención fundamental para impedir agresións ao territorio.

Deja un comentario