+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Abril de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN ACURTA OS PRAZOS PARA CONSTRUÍR A NOVA VARIANTE DE TOMIÑO


O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia que as empresas poderán presentar as súas propostas a partir da vindeira semana logo de que hoxe a Xunta de Goberno aprobase a licitación

A Deputación de Pontevedra está a acurtar os prazos para construír a nova variante de Tomiño. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou que a Xunta de Goberno provincial aprobou hoxe a licitación da obra cun orzamento de 2.612.403, 62 euros, e que a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) está prevista para o vindeiro luns, de xeito as empresas poderán presentar as súas propostas ao longo de todo o mes de marzo.

As ofertas terán que ser analizadas tecnicamente valorando o programa e equipo de traballo (15 puntos), o plan de control de calidade (10 puntos), a memoria de traballo (15 puntos), e o plan de actuación ambientais (9 puntos). As empresas que acaden un mínimo de 25 puntos na parte anterior pasarán á valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 51 puntos. Unha vez estudiados todos estes criterios, realizarase unha proposta de adxudicación, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno. A partir de aí formalizarase o contrato e presentarase a acta de replantexamento da obra.

O prazo de execución dos traballos está fixado en doce meses de máximo polo que, se a tramitación administrativa non se complica e a climatoloxía o permite, a actuación estará finalizada, segundo asegura o deputado, na primavera de 2019. “A nosa intención é realizar todos os trámites do xeito máis áxil posible, xa que é unha obra impulsada por tres institucións, Deputación, Concello e Xunta, e cada parte debe ser dilixente para que o proxecto sexa unha realidade”, asegurou Benítez.

A nova variante de Tomiño está denominada oficialmente como ‘Mellora da conexión entre a estrada provincial EP-3102 (Tomiño-Sabarís) e a estrada autonómica PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano de Seixo (Tomiño)’, e suporá a construción dunha nova estrada con tipoloxía de avenida que exercerá de rolda e permitirá a mellora da mobilidade peonil no núcleo urbano derivando o tráfico rodado que actualmente pasa polo núcleo da vila.

Por outra banda, e dado que a Xunta de Galicia ten aprobado o proxecto da vía de alta capacidade (VAC) Tui-A Guarda que contempla un acceso ao núcleo de Tomiño, ese enlace realizarase a través da nova avenida. O Concello, como contraprestación, farase cargo da transferencia dun treito de aproximadamente un quilómetro da antiga estrada autonómica.

A estrada enlazará polo sur a EP-3102 e polo Norte a PO-344 (Rúa Gondomar), proporcionando unha saída natural á rúa da República Arxentina, e conecta cos novos equipamentos como o centro de saúde, a residencia asistida, e mesmo o IES de Tomiño.

O convenio para facer a obra asinouse en agosto do pasado ano. Dende entón a Xunta de Galicia realizou as expropiacións correspondentes, orzamentadas en 933.219,98 euros. Unha vez realizado ese trámite, que rematou no mes de febreiro, foi a Deputación a que iniciou todos os trámites burocráticos para a contratación. A obra será financiada con 2.351.163,26 euros investidos pola Deputación provincial e 261.240,36 euros do Concello de Tomiño.

Deja un comentario