+034 986 09 02 04 Martes 21 de Agosto de 2018

A OPOSICIÓN DE SALCEDA VOLVE DEIXAR AS EMPRESAS PROVEEDORAS DO CONCELLO SEN COBRAR


O Equipo de Goberno do Concello de Salceda (Movemento Salceda) lamenta o acontecido no Pleno Extraordinario desta mañá, onde unha nova alianza entre os grupos da oposición (PP e PSOE) impediu aprobar o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito que permitiría o pago de 309.865,06 € a diferentes provedores do Concello de Salceda, que o grupo de Goberno levaba por segunda vez a Pleno.
A pesar de terse presentado o informe técnico solicitado polo Partido Popular sobre a realización dunha obra na parroquia de Picoña, e a pesar de aclararse tódalas dúbidas existentes co informe técnico presentado, o PP decidiu seguir inventando novas excusas segundo iba avanzando o Pleno, coa única finalidade de bloquear unha vez máis a acción do Goberno, prexudicando deste xeito a ducias de provedores de bens e servizos, aos que se lles imposibilita así o cobro das súas facturas pendentes.
O PSOE volveu pedir unha vez máis a retirada do punto da orde do día, sen alegar ningún motivo que xustificase esa retirada, e incidindo unha vez máis na votación de facturas por separado, intentando así decidir a que proveedores se lles paga e a cales non.
Ante as dúbidas dos partidos da oposición sobre as facturas consideradas como “investimentos”, incidiuse unha vez máis no informe de intervención que lle deu cobertura a esas facturas, que nese aspecto é favorable, incidindo dende intervención que, de non ser legal, houbese emitido reparo nese senso, cousa que non fixo. Inciden dende o Equipo de Goberno en que non se pode confundir o resultado dun informe coa argumentación empregada no mesmo, que deixa ben claro o recoñecemento de tódalas facturas recollidas no REC. A oposición decidiu actuar deixando ao marxe os diferentes informes presentados polo equipo de Goberno, tanto de intervención como dos técnicos urbanísticos e xurídicos.
Denuncian dende Movemento Salceda a enorme irresponsabilidade dos grupos da oposición antepoñendo unha vez máis os seus intereses sobre os intereses das empresas e autónomos que traballan para o Concello de Salceda, e o que é máis grave, sobre os intereses dos propios veciños e veciñas.
O Recoñecemento Extraxudicial de Crédito é unha figura legal que permite ás empresas cobrar polos seus servizos sen ter que recurrir aos xulgados. Ante a pinza de PP e PSOE, os proveedores do Concello vense abocados a recurrir de novo á vía xudicial, tal como xa fixeran no 2016.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “Os partidos da oposición seguen inventando ducias de excusas para evitar pagarlle ás empresas proveedoras do Concello. Xa non caben máis falsas coartadas, PP e PSOE deben decidir se permiten que as empresas poidan cobrar o que se lles adebeda ou prefiren seguir a xogar e a bloquear a acción de Goberno, sen importarlle nada o prexuizo que lle están a causar a veciños/as e proveedores/as”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “mentres Movemento Salceda estea ao frente deste Concello non imos permitir ningún tipo de discriminación ou segregación entre os/as nosos/as proveedores/as. Todos/as teñen exactamente os mesmos dereitos, e o Concello de Salceda de Caselas ten as mesmas obrigas con todos/as e cada un deles/as”.

Deja un comentario