+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018

O PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE BUEU XA ESTÁ EN VIGOR


O anuncio que foi publicado hoxe no BOPPO indica que o novo instrumento de planeamento está en funcionamento
O Concello de Bueu xa ten en funcionamento o novo instrumento de planeamento, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), cuxo anuncio se publicou hoxe no BOPPO, completándose así o derradeiro trámite para que a partir de agora xa estea plenamente e de forma efectiva en vigor. Unha boa nova e unha satisfacción para o equipo de goberno local, que leva traballando neste proceso case vinte anos, e de forma máis intensa a partir do 2006, cando se asinou o contrato co equipo redactor, e tras a aprobación provisional no 2013, que trouxo consigo a peregrinación polas distintas administracións, tanto autonómicas como estatais, para a consecución de todas as autorizacións e correccións pertinentes.
Dende agora, a cidadanía xa poderá consultar na páxina web municipal (www.concellodebueu.gal) o documento, que xa fora aprobado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a mediados de setembro, e que estaba pendente deste último trámite de publicación no BOPPO para a súa entrada en vigor definitiva, tal e como salientou o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva. Dende este momento, xa se poden presentar as licenzas de obra con cargo ao novo plan, o que suporá un cambio de perspectiva, tanto dende o punto de vista urbanístico como dende a propia administración. “Entramos nunha nova etapa coa satisfacción de estar á vangarda dos concellos de Galicia con planeamento”, tal e como salienta o edil da área.
O novo plan supón un salto cualitativo sobre as normas subsidiarias, pois trátase dun instrumento executivo, que permite que o Concello utilice certas ferramentas para dotar á vila de novas zonas verdes, viais estruturantes, novas áreas de lecer ou equipamentos comunitarios. Neste senso, é importante destacar que se trata un plan no que ocupa un lugar salientable a preservación do entorno natural e a protección do patrimonio (coa inclusión dun catálogo importante), así como a aposta polo solo industrial. Ademais, representa unha nova oportunidade para os núcleos rurais, tan importantes no Concello de Bueu, xa que vai permitir a recuperación e rehabilitación de todo o parque de vivenda tradicional.
O goberno municipal celebra este “fito histórico” para Bueu tras a consecución do que é, sen lugar a dúbidas, o maior reto dos últimos tempos. Este traballo de longa duración foi posible grazas ao apoio incesante prestado pola Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, así como por todo o funcionariado municipal que se implicou no conxunto do proceso.

Deja un comentario