+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

A FEIRA DA ENERXÍA DE GALICIA SUPERA XA NUN 22% A SUPERFICIE EXPOSITIVA DA PASADA EDICIÓN


O ESPAZO CONTRATADO SERÁ OCUPADO POR MOITAS DAS MÁIS IMPORTANTES EMPRESAS DO SECTOR ENERXÉTICO

A Feira Internacional de Galicia ABANCA segue a traballar intensamente na organización da segunda edición da Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará no recinto do 22 ao 24 de marzo e na que colabora a Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Respecto á súa área expositiva, a pouco menos de tres semanas para a celebración da feira e coa xestión comercial a pleno rendemento, conta xa con 5.243 m² netos reservados, en interior e en exterior, o que supón que supera xa nun 22% a superficie neta coa que contou o certame na pasada edición, a cal ascendera a 4.294m². Estas cifras, que se incrementarán ao estar pechándose a presenza doutras empresas, reflexan que o sector non só segue a apoiar este certame senón que aumenta o seu respaldo ao mesmo.

Este espazo será ocupado por moitas das máis destacadas empresas do sector, as cales continúan a contratar a súa participación estes días e converterán a Feira da Enerxía de Galicia nun escaparate de todos os ámbitos enerxéticos, dende as enerxías renovables ás convencionais pasando pola mobilidade sostible, eficiencia enerxética, eco-construción, material e equipos para instalacións ou electrónica industrial e automatización.

De forma paralela á exposición celebrarase un atractivo programa de actividades no que volverán a destacar as xornadas técnicas, que xa acadaron gran éxito na pasada convocatoria, celebrada do 14 ao 16 de abril de 2016. Este está a ser deseñado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA e o comité do certame, presidido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia e composto por destacadas empresas, asociacións, clústers e colexios oficiais.

Converterse en referente do sector

A organización desta segunda Feira da Enerxía de Galicia pretende que esta cita se constitúa dende xa nun foro de referencia para todo o sector e comece a dotarse de carácter internacional.

Así mesmo, entre os seus obxectivos tamén está converterse nun espazo de coñecemento e información útil para os usuarios.

Deja un comentario