+034 986 09 02 04 Xoves 18 de Outubro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

VIGO, O PORRIÑO E PONTEAREAS ACOLLEN ESTE MES DE MARZO 23 OBRADOIROS DO PROGRAMA “SMARTPEME”


O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia

 

As oficinas de “SmartPeme” en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán, durante o mes de marzo 23 novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita na oficina “SmartPeme” de Vigo comezará este luns 5 de marzo co curso “Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing” e o xoves 8 de marzo con “Como crear unha APP e non morrer no intento”. A seguinte semana terán lugar tres novos obradoiros, o luns 12 con “Así funciona Whatsapp Business”, o mércores 14 con “As redes sociais aplicadas nas empresas turísticas” e o xoves 15 con “Consegue os teus clicks máis rendibles”. Xa para o día 19 desenvolveranse o obradoiro “Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas”, o día 20, e “Fotografía de vehículos para a súa venda online”, o xoves 22. O derradeiro curso do mes terá lugar o luns 26 de marzo e será sobre “Prestashop II: Xestión dunha tenda online”. Todos os obradoiros se desenvolverán ás 19.00 horas na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

En Ponteareas, a axenda comeza tamén o luns 5 de marzo con “Crea os teus propios informes: Google Data Studio” e continuará o xoves 8 con “O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico”. A seguinte semana terán lugar dous novos obradoiros, o luns 12 con “Graba e monta vídeos profesionais co teu Smartphone” e o mércores 14 con “A túa información sempre a man: almacenando na nube”. O martes 20 de marzo terá lugar un curso sobre “Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite” e o xoves 22 outro de “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais”. O último curso do mes de marzo en Ponteareas terá lugar o martes 27 e será sobre “Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console”. Todos os obradoiros se desenvolverán ás 19.00 horas no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea.

No Porriño comezan o luns 5 ás 19.00 con “A transformación dixital no mundo do enoturismo”, continuarán o 7 de marzo ás 19.00 con “Comercializa os teus servizos a través das redes sociais” e con “Google Calendar, moito máis que unha axenda” o 9 de marzo ás 17.00 horas. A seguinte semana terán lugar outros dos obradoiros o martes 13 ás 19.00 horas “Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing” e o xoves 15 á mesma hora “Facebook para non iniciados”. O luns 19 ás 19.00 desenvolverase un obradoiro sobre “Woocommerce II, a solución para vender por Internet” e o mércores 21 á mesma hora sobre “Crea os teus propios informes: Google Data Studio”. O derradeiro curso terá lugar o martes 27 ás 19.00 sobre “Mellora a calidade das túas imaxes con editores online”. Todos se desenvolverán no Multicentro do Concello do Porriño.

As persoas interesadas en participar nestes obradoiros poderán formalizar a súa inscrición chamando ao 886202020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme” é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”. Este proxecto da Deputación de Pontevedra, que se atopa nun continuo proceso de evolución, desenvolverá novas carteiras de servizos, co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. Deste xeito, “SmartPeme” exponse a unha nova etapa na que verá aumentados os servizos a prestar, abrindo tres novas grandes liñas como son o “Centro Provincial de Economía Dixital” (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para elo, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación da provincia ao servizo das empresas.

Doutra banda, SmartPeme Impulsa, abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de “SmartPeme” contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.

Deja un comentario