+034 986 09 02 04 Domingo 24 de Xuño de 2018

CUBELA PROXECTA COMPLETAR A MELLORA VIARIA E DE SERVIZOS EN FENTÁNS TRAS INVESTIR 230.000 EUROS NESTE MANDATO


As seguintes actuacións serán o pintado da estrada desde San Xurxo nesta primavera e a mellora do camiño de acceso desde a PO-230

O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou a súa intención de completar o proxecto de modernización e mellora viaria e de servizos do lugar de Fentáns nos vindeiros meses tras realizar unha completa visita á zona para examinar o estado de todas as súas infraestruturas e comprobar os avances rexistrados tras efectuar investimentos por 230.000 euros nos 34 meses do presente mandato.

Neste senso, o rexedor amosou a súa satisfacción pola mellora da calidade de vida e de servizos deste lugar tras adicar 60.000 euros en 2015 á primeira fase do seu proxecto de modernización co ensanche interior, 110.000 para completar a pavimentación dos accesos internos e a construción de potentes muros de contención que favorecen a seguridade nunha contorna de fortes pendentes e doutros 60.000 o pasado ano na renovación da capa de rodadura da estrada principal ata a ponte, procedente de San Xurxo de Sacos e con máis dun quilómetro de lonxitude.

Cubela explicou que as seguintes actuacións, que xa están deseñadas e aprobadas, consistirán no pintado desta principal arteria de comunicación co lugar, que está programada para a primavera aproveitando a chegada dunha climatoloxía máis benigna que non estrague este traballo, e o asfaltado dun camiño de máis de 300 metros desde a estrada PO-230 ao abeiro das partidas do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais.

Nembargantes, concretou que estas dúas non serán as derradeiras actuacións para Fentáns nestes meses, xa que, tras coñecer as necesidades existentes, vanse perfilar as obras necesarias para completar coa modernización de vías e servizos “en base ás demandas dos veciños e aos compromisos amosados polo goberno local”.

O presidente municipal indicou que todas estas melloras “pretenden conferir unha maior calidade de vida” aos 80 veciños desta contorna e detallou que o forte investimento nesta zona “enmárcase no esforzo que estamos a facer en zonas periféricas do noso concello, como poden ser Augasantas, Caroi, Corredoira, Parada de Tenorio e certos lugares de Santa María de Sacos,

para acadar un reequilibro territorial que permita que todos os veciños gocen dunha calidade de vida, un benestar e uns servizos similares e de calidade”. “Concebimos o noso territorio como un todo e queremos que os avances que estamos a experimentar sexan parecidos para todos os veciños e cheguen a todos os lugares”, concluiu.

Deja un comentario