+034 986 09 02 04 Venres 21 de Setembro de 2018

A IMPLANTACIÓN DA WIFI NO CENTRO DE PONTE CALDELAS AVANZA COA POSTA EN MARCHA DO SERVIZO NO PABILLÓN


Hai case dous anos botou a andar a primeira rede pública na contorna da Casa da Cultura

O Pabillón Municipal dos Deportes de Ponte Caldelas ofrece dende esta fin de semana servizo público de WiFi co que a implantación da rede no centro urbano continúa avanzando dende os inmobles e espazos públicos que centralizan boa parte da actividade municipal.
A WiFi aparece identificada como Chan_da_Barcia. O acceso sen fíos xa foi moi utilizado durante a celebración da X Feira de Oportunidades do Verdugo, que se celebrou durante as xornadas de sábado e domingo.
O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) aposta pola extensión paulatina deste servizo. No caso do Pabillón serve tamén para dar cobertura a diferentes colectivos que teñen centralizada a súa actividade nas instalacións deportivas, como son as Mulleres Rurais do Verdugo e o grupo de gaitas e baile Os Coribantes de Buchabade, que contan con locais cedidos polo Concello.
O despregamento da rede WiFi pública de Ponte Caldelas comezou en xullo de 2016 na Casa da Cultura e dende entón está dispoñible non só para os usuarios deste centro, senón tamén para os veciños que se achegan ás inmediacións do inmoble, con boa cobertura no espazo da Alameda. En marzo de 2017, a WiFi foi instalada tamén nasa dúas casas do pobo de titularidade municipal, é dicir, a de Forzáns e a de Chaín.
O alcalde, Andrés Díaz, recalca que Ponte Caldelas é un concello “conectado” cunha importante presenza das novas tecnoloxías e mesmo cunha empresa, como Aurea, que é pioneira na implantación de rede de fibra óptica dende o ámbito local.

Deja un comentario