+034 986 09 02 04 Xoves 21 de Xuño de 2018

RAPACES E RAPAZAS DOS CENTROS EDUCATIVOS DE BUEU REFLEXIONAN SOBRE A IGUALDADE NO TRABALLO


Dende a concellaría de igualdade puxéronse en marcha dous certames con motivo do 8 de marzo, un literario e outro de viñeta e ilustración

A concellaría de igualdade de Bueu, dirixida por Ana Isabel Otero Pastoriza, xa ten lista a programación especial para o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na que ten un papel salientable o alumnado dos centros educativos da vila, tal e como se vén facendo ano tras ano. De aí que se convocasen dous concursos sobre a temática da igualdade no traballo dirixido aos máis novos. Precisamente, este luns reuníronse os respectivos xurados de ambos concursos para elixir aos gañadores/as en ambas categorías.
No I Concurso Literario Xuvenil, no que se presentaron un total de 64 traballos incluídos na modalidade de microrrelato, poesía e traballo biográfico sobre unha muller feminista, entregarase un primeiro premio ao grupo conformado polo alumnado de 5ºB do CEIP Plurilingüe A Pedra, Unai Parada Pastoriza, Laura Pérez González e Adrián Piñeiro Estévez, quen realizaron unha biografía sobre Purificación Gómez González. Ademais, tamén hai un primeiro premio de relato individual para o poema “Que ninguén nos pare” de Lucía Pretel González, alumna de 6º de primaria do CEIP Montemogos de Beluso. O xurado, que se reuniu nas dependencias do CIM ás 13.00 horas, estivo conformado pola poeta bueuesa Míriam Ferradáns, ademais de Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, Montserrat González, director do CIM e Beatriz Monroy, psicóloga.
Así mesmo, como cada ano, decidíronse os gañadores/as do concurso de viñeta e ilustración, do que se entregará un primeiro premio para Elena Enríquez Álvarez, de 4º da ESO do CPR Virxe Milagrosa (será o deseño da XII Campaña de Educación Non Sexista), e outro para Xiana Dios García, de 5º de primaria do CEIP A Torre de Cela. Así mesmo, concedéronse varias mencións especiais para os deseños de Laura Brocos Juncal, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Lara Santaclara Estévez, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira, Iria Rodríguez Iglesias, de 1º da ESO do IES Illa de Ons, Victoria Rodríguez Quintela, de 4º da ESO do CPR Virxe Milagrosa, Lara Núñez Caíño, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira,e Xabier Pastoriza Rodríguez, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira. En total presentáronse 198 viñetas das que o xurado, conformado por Ramón Torrente, psicopedagogo e axente de igualdade, Ana Isabel Otero, edil de igualdade, e Montserrat González, directora do CIM, destacou a súa calidade.
O obxectivo destes certames é sensibilizar ao alumnado sobre a situación laboral das mulleres e a (des)igualdade de oportunidades no traballo. Así, os premiados recibirán como agasallo un robot educativo do que se fará entrega o 9 de marzo, cando se celebrará un acto a partir das 12.00 horas no Centro Social do Mar.
Actos programados
Con motivo desta efeméride, e dada a folga feminista e os paros convocados para o 8 de marzo, o Concello decidiu trasladar todas as actividades programadas para a fin de semana. Así o xoves, diante da Casa Consistorial terá lugar ás 12.30 horas unha concentración a prol da loita pola igualdade de xénero.
Xa o venres pola tarde, o Club Golfiños renderá unha homenaxe á poeta Míriam Ferradáns, á que nomeará “muller destacada” nun acto que terá lugar ás 19.00 horas na Sala Domínguez Búa.
O sábado 10 de marzo, ás 12.00 horas, será a charla e presentación do libro Mujeres matemáticas: las grandes desconocidas, de Amelia Verdejo Rodríguez. Celebrarase na Sala Domínguez Búa, co obxectivo de achegar modelos de mulleres matemáticas, que poidan ser utilizados nas aulas en todos os niveis da ensinanza.
E xa o domingo a partir das 18 horas celebrarase un acto de inauguración da placa conmemorativa de Matilde Bares, quen fora mestra de Bueu, na rúa que leva o seu nome acompañada do grupo musical “Xonxas”. De seguido, ás 18.30 horas, o profesor e historiador local Don Arturo Sánchez Cidrás impartirá unha conferencia sobre a figura de Matilde Bares no Centro Social do Mar, e como colofón, arredor das 19.30 horas, o grupo de teatro moañés “Moito morro” representará unha obra que trata o tema da igualdade.

Deja un comentario