+034 986 09 02 04 Sábado 17 de Novembro de 2018

O PLAN CULTURAL DE PONTE CALDELAS DINAMIZARÁ A VIDA CULTURAL DO CONCELLO CUNHAS 50 ACTUACIÓNS


Un total de sete grupos participan este ano, con cambios nas formacións e a incorporación dun novo grupo de música tradicional

O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha o XI Plan Cultural, co que financiará actuacións musicais propias e reforzará a programación das festas parroquiais e todo tipo de actividades que organicen as comisións ou asociacións veciñais ou culturais do municipio.
Os grupos incluídos no Plan Cultural deste ano son Airiños de Ponte Caldelas (grupo de gaitas), Coral Valdarrosa (canto coral), Nós tamén imos (grupo de gaitas), Airiños da Fracha (charanga tradicional), Os Coribantes (banda de gaitas), Aires del Norte y Olé (flamenco e copla) e Os Contentos (grupo de gaitas). O Plan inclúe tamén actividades de teatro musical infantil, ilusionistas e mesmo unha solista para misas e actos relixiosos.
O Goberno local tripartito, formado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, calcula que haberá unhas 50 actuacións ao longo do ano con cargo a esta iniciativa, encaixada dentro do programa Pontegal, co que a Deputación colabora na actividade cultural dos concellos da provincia.
O Plan Cultural permite que cada un dos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas conten, cando menos, cunha actuación anual, aínda que hai varios que dispoñen de dúas froito do seu maior dinamismo.
O alcalde, Andrés Díaz, recalca que o Plan Cultural naceu coa idea de apostar polos grupos locais de Ponte Caldelas, posibilitando a súa consolidación. É unha aposta pola música, fundamentalmente tradicional en todas as súas variantes, e tamén un xeito de axudar aos veciños na organización de actividades festivas.
Os efectos do Plan Cultural tamén se están a notar no retorno a Ponte Caldelas de eventos que antes se celebraban fóra, como o Festival Solidario dos Coribantes ou o Serán de Airiños da Fracha.

Deja un comentario