+034 986 09 02 04 Luns 22 de Outubro de 2018

A II FEIRA DA ENERXÍA DE GALICIA ANALIZARÁ AS VANTAXES E IMPLANTACIÓN DA XEOTERMIA, NA QUE QUE A COMUNIDADE É LÍDER NACIONAL


 

O TERRITORIO GALEGO CONTA CO MAIOR NÚMERO DE SISTEMAS DE CLIMATIZACIÓN XEOTÉRMICA CON BOMBA DE CALOR, CON 0,39 POR CADA MIL HABITANTES, E CUNHA POTENCIA TÉRMICA INSTALADA QUE SUPÓN O 15,5% DO TOTAL DE ESPAÑA

A Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará do 22 ao 24 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará cun amplo programa de xornadas técnicas nas que se abordarán temas de gran interese e actualidade no sector.

A xeotermia protagonizará unha destas xornadas, que estará organizada pola Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega) coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). O seu obxectivo é facilitar coñecementos teóricos e prácticos sobre xeotermia.

Centrarase en tres aspectos de interese, en torno aos cales se desenvolverán os seus tres bloques: perforacións, bombas de calor e casos prácticos. Os dous primeiros incluirán conceptos básicos, o recurso xeotérmico, tipos de xeotermia e aplicacións, mentres que o último estará centrado en casos prácticos no mundo empresarial e residencial.

Serán dous profesionais do sector da xeotermia os encargados de impartir este taller, o presidente de Acluxega e CEO da empresa Enertres, Manuel López Portela, e a secretaria da asociación e xerente de Ingeo, Lucía Novelle.

A xornada estará dirixida a empresas de construción, xefes de mantemento, enxeñeiros, instaladores, arquitectos, alumnado universitario e de formación profesional e tamén público xeral interesado neste tema. A inscrición, gratuíta, pódese formalizar no correo oficina@acluxega.es ou no teléfono 886 12 28 95.

Galicia, líder en xeotermia

A enerxía xeotérmica, inesgotable, limpa e constante, presenta un gran potencial en Galicia debido a un subsolo moi favorable, cunha elevada conductividade térmica resultado da súa composición principalmente granítica.

Galicia, segundo datos facilitados por Acluxega, acadou a finais de 2016 a cifra de 1.061 sistemas de climatización xeotérmica con bombas de calor. Isto supón un emprego desta tecnoloxía de 0,39 unidades por cada mil habitantes que supera amplamente ao resto de comunidades, as cales nos mellores casos se sitúan en torno ás 0,15 unidades cada mil habitantes, como Madrid, País Vasco ou Barcelona. En Galicia, por provincias, a que conta con maior implantación é A Coruña, co 41,5% dos sistemas, seguida de Pontevedra co 35%.

Así mesmo, a asociación estima que a potencia térmica total instalada en Galicia a finais de 2016 acadaba os 26 megawatios, polo que a comunidade, co 6% da poboación total de España, posúe o 15,5% da potencia instalada en todo o territorio nacional, que ascende a 168 megawatios.

A Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), creada no ano 2010 co obxectivo de aglutinar ás empresas galegas dedicadas ao mercado da xeotermia e potenciar o coñecemento e emprego desta fonte de enerxía renovable, conta con 50 socios.

Deja un comentario